Cambados súmase aos actos da rede de cemiterios singulares cunha visita guiada ás ruínas de Santa Mariña
VEN A GALICIA
Será o sábado 4 de xuño e estará guiada pola historiadora Maribel Iglesias
28 may 2022 . Actualizado a las 18:23 h.O Concello de Cambados, como membro da Asociación Europea de Cemiterios Singulares (ASCE) dende 2014, participará na Semana de posta en valor destes espazos de grande importancia histórica e artística cunha visita guiada organizada pola Concellería de Cultura.
Do 30 de maio ao 5 de xuño esta rede, que inclúe xoias do patrimonio europeo como as Catacumbas de Roma ou Père-Lachaise de París, promocionará nas súas redes sociais todas as iniciativas que os membros poñan en marcha.
Da man da doutora en Historia da Arte, Maribel Iglesias Baldonedo, realizarase un percorrido a pé o vindeiro sábado 4 de xuño, dende a actual igrexa parroquial de Cambados ata as ruínas de Santa Mariña.
«O lugar de inicio non é nimio e en menos de 700 metros, iranse debullando historias, personaxes, detalles e anécdotas que buscan atraer visitantes a estes lugares de recollemento cunha notoria riqueza cultural, arquitectónica, educativa e artística», segundo avanza o concelleiro de Cultura Tino Cordal, quen anima a todas as persoas interesadas a participar; poderán facelo de balde ata cubrir as trinta prazas dispoñibles.
A inscrición pódese realizar na biblioteca municipal Luís Rei presencialmente ou a través da súa conta de correo bibliotecacambados@gmail.com ou do seu teléfono 986 520 008. A visita organizada polo Concello dará comezo o sábado 4 de xuño ás 11.30 horas.