Patrocinado por

A paisaxe da Costa da Morte é variada, complexa e para gozar

Enrique luis de salvador DIRECTOR DO INSTITUTO DE ESTUDOS DO TERRITORIO

VEN A GALICIA

BASILIO BELLO

PLUMAS CON MANDO | Escribe Enrique Luis de Salvador, director do Instituto de Estudos do Territorio | A poboación residente admira a súa contorna paisaxística, respéctaa, cóidaa e custódiaa sen condicións por formar parte do seu patrimonio

29 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É una evidencia que falar da paisaxe na Costa da Morte evócanos mentalmente o litoral. Isto non impide que existan numerosas unidades de paisaxe que, aínda que non estean directamente vencelladas co mar, son merecedoras de consideración desde o punto de vista dos valores paisaxísticos.

Os atractivos históricos e socioculturais, o patrimonio etnográfico e arqueolóxico, a actividade agrogandeira, os asentamentos, etcétera. Todo isto reflíctese na paisaxe como elementos a admirar e a valorar actuando como coadxuvante da calidade de vida e benestar dos habitantes.

O litoral de Galicia, e nomeadamente a Costa da Morte, ten unha gran variabilidade e, ao mesmo tempo, unha gran complexidade: unidades afundidas e erguidas, formacións rochosas e areais, rías e estuarios, formacións dunares e un longo etcétera.

A acción do vento, das ondas e as mareas, e os fluxos de materia —as achegas sedimentarias de procesos erosivos ou os arrastres fluviais— establecen un balance entre erosión e sedimentación que orixina o rico mostrario de formacións e escenarios non estáticos en permanente evolución.

Desde o cabo de Santo Hadrián ata o Monte Louro esténdese unha costa variada, lixeiramente ondulada, na que se unen pequenas rías como a de Camariñas, con estuarios como o do río Anllóns, e amplos areais como os de Carnota, Baldaio e Traba, flanqueados por tramos de cantís que presentan unha gran diversidade de formas.

Nesta comarca costeira da Costa da Morte, así definida no Plan de Acción do Litoral, atopámonos con 55 unidades de paisaxe dentro das 26 toponimias recollidas como espazos de interese paisaxístico, aos que temos que engadir un total de 64 praias.

Sandra Alonso

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten analizadas e caracterizadas estas unidades de paisaxe a través do Instituto de Estudos do Territorio, que ademais ten encomendadas as medidas específicas para a súa protección, xestión e ordenación, e tamén como aspecto moi importante a misión de formar, sensibilizar e concienciar á sociedade na necesidade de respectalas e desfrutalas.

A Xunta de Galicia é un exemplo en materia de paisaxe dende o ano 2008, pero sobre todo dende o ano 2020 cando se articularon os instrumentos necesarios para definir as actuacións precisas en materia de paisaxe: plans de acción, pactos pola paisaxe, Directrices, recomendacións, guías e manuais, itinerarios, estudos, informes, axudas a concellos e particulares, etc.; todo isto amparado pola normativa propia e referendado no Plan Estratéxico 2021-2024 cun investimento de máis de 40 millóns de euros.

Os visitantes que gozan das paisaxes da Costa da Morte marchan e a maioría quedan con ganas de volver. A poboación residente admira a súa contorna paisaxística, respéctaa, cóidaa e custódiaa sen condicións, porque forma parte deste fermoso patrimonio tan valorado por todos. Grazas por estar aí. A seguir así.