Patrocinado por

A pandeireta será a raíña do Serán'03, que terá un foliadón con mil intérpretes

E. Araújo SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Paco Rodríguez

01 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando a pandemia semella que está de retirada, chega o momento de festexalo, malia que sexa con retraso. Esta é a filosofía coa que chegará a Santiago entre o 10 e o 12 de xuño o que tiña que ser o quinto Encontro Galego de Cultura Popular, pero vai ser o Serán’03 polo parón do covid. Nesta convocatoria tocará reivindicar a pandeireta despois de que nas primeiras edicións levasen o protagonismo o baile tradicional e as bandas de música populares.

A programación do Serán’03 terá a principal actividade o sábado 11. Será un gran foliadón no que participarán artistas de Galicia, O Bierzo, Asturias e Portugal, ademais de colectivos galegos que co seu traballo durante décadas mantiveron a cultura propia. Neste foliadón actuarán Óscar Ibáñez, Fransy González, Davide Salvado, Faltriqueira e Liva Giaffreda, que compartirán escenario con agrupacións galegas como A Ponte Vella (Teo), Donaire (A Coruña), Rebulir (Ourense), Etnográfico das Mariñas (Ferrol), Trébede (Cangas), Alxibeira (Narón) e Ultreia (Santiago), participantes no festival folclórico co que comezará o encontro galego o 10 de xuño.

Previamente á gran foliada, tamén o sábado 11, celebrarase o primeiro Festival Portas do Camiño cos grupos Xeitu (Asturias), Seronda (León), Denise e Bea (O Bierzo), Adufeiras de Monsanto (Portugal) e Pandereras de Salamanca (con repertorio de Peñaparda). Todos teñen en común a pegada de distintas rutas xacobeas. As propostas do Serán’03 engaden múltiples actividades formativas, todas gratuítas ao igual que os concertos. Haberá oito clases maxistrais de percusión, pandeireta e técnica vocal. Súmase unha feira sectorial cuns trinta postos con artesáns de tecido, confección, calzado, ourivería e instrumentos musicais.

Un dos obxectivos destes encontros é agradecer o traballo das persoas que preservaron a cultura, fomentala, e reflexionar sobre o seu futuro. Por iso haberá unha ampla oferta de actividades infantís e familiares, incluídas algunhas foliadiñas, xunto a conferencias e mesas redondas para analizar a importancia dos festivais internacionais de folclore e a revolución que está a vivir a pandeireta na música actual. Toda a programación ofrecerase na Cidade da Cultura, na que este martes foi presentado o encontro. Neste acto, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que o proxecto «amosa toda a nosa riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional, tanto no campo amador como profesional». E Quique Peón, director artístico do Serán’03, engadiu que «a pandeireta é, xunto coa gaita, o instrumento máis icónico do noso folclore» polo que esta terceira edición servirá para homenaxear a todas as pandeireteiras, «gardiás da historia e a tradición da nosa música».