Patrocinado por

Dedican un libro á Feira do Viño de Chantada, que resucita despois de dous anos de ausencia

VEN A GALICIA

Portada do libro «Onde o viño é arte», que será distribuido esta fin de semana na Feira do Viño de Chantada
Portada do libro «Onde o viño é arte», que será distribuido esta fin de semana na Feira do Viño de Chantada

A publicación recolle todos os carteis que anunciaron as 38 edicións anteriores do festexo

01 jun 2022 . Actualizado a las 16:32 h.

Cando está a punto de celebrarse a primeira Feira do Viño de Chantada despois de dous anos de suspensión, o Concello acaba de publicar un libro que rende homenaxe á historia deste festexo gastronómico. A publicación, titulada Onde o viño é arte. Catro décadas de Feira do Viño en Chantada, foi presentada na Casa de Cultura polo concelleiro Manuel Diéguez, quen estivo acompañado por Segundo Navaza e Xavier Viana, os dos principais promotores da obra.

O libro, segundo explican desde o Concello, «pretende ser un recoñecemento a todas as persoas que impulsaron e organizaron nun ou noutro momento a Feira do Viño» e recolle os carteis que anunciaron as 38 edicións do festexo celebradas ata agora. Entre os autores dos carteis figuran artistas relacionados de diferentes maneiras con Chantada, como Lomarti, Pérez Alaez, Ánxel Gómez Montero, Antonio Yebra de Ares, Chus Vázquez, Laura Cortés, Julio Quijada, Suso Talento e Xosé Randolfe Vilariño. A publicación compleméntase con varias ilustracións de Lucía Lobelle, Jon González e Alejandro García, así como cunha «pequena escolma de ditos tradicionais sobre o viño». No libro incluíronse tamén diversos textos publicados no contexto da Feira do Viño, especialmente nas décadas de 1980 e 1990.

Segundo Navaza, o concelleiro Manuel Diéguez e Xavier Viana durante a presentación do libro na Casa de Cultura de Chantada
Segundo Navaza, o concelleiro Manuel Diéguez e Xavier Viana durante a presentación do libro na Casa de Cultura de Chantada

O novo libro será distribuido gratuitamente nun posto de carácter turístico que estará instalado no recinto da Feira do Viño entre o venres e o domingo. Manuel Diéguez sinala que por agora o Concello imprimiu unha primeira edición de trescentos exemplares. «Unha vez que se acaban haberá que pensar en imprimir máis», engade. A Feira do Viño de Chantada é a segunda máis antiga da Ribeira Sacra -despois da de Amandi, en Sober- e normalmente é a que abre o calendario anual de festexos vinícolas deste territorio. A nova edición programouse para xuño porque os organizadores consideraron que en marzo -a súa data tradicional de celebración- aínda non se daban suficientes condicións de seguridade sanitaria.