Cándido Pazos: «O Vákner é un dos símbolos con máis percorrido de todo o Camiño»
VEN A GALICIA
A viva voz | O artista deseñou para Dumbría un lobishome de bronce, case 5 metros e 1.300 quilos de peso
06 dic 2022 . Actualizado a las 19:11 h.Unha vez decididos a aproveitar ao máximo aquel fragmento da crónica de peregrinación dun bispo armenio sobre unha besta que atemorizaba aos peregrinos nos montes de Dumbría durante o século XV, o Concello dumbriés considerou que tal historia merecía un símbolo. O aspecto parecía decidido, pois a teoría do home lobo gañoulle terreo á que relacionaba ese monstro medieval cun dragón da mitoloxía nórdica. Así que só faltaba o deseño e a obra para que Vákner resucitase. Un encargo para o que non tiveron moitas dúbidas, pois axiña puideron contactar co artista máis relevante do Camiño de Santiago, Cándido Pazos (Santiago de Compostela, 1943), que creou máis dun centenar de figuras en todo o traxecto e que foi autor de obras tan relevantes como as esferas armilares do Parlamento de Europa.
O escultor aceptou a oferta e o pasado mércores estivo presente no Marco do Couto, onde fica instalada, na descuberta da súa figura, a primeira que elabora para a Costa da Morte. Ao Marco do Couto volveu tamén Pazos o sábado, para a inauguración oficial parella á entrega dos premios literarios de La Voz Territorio Vákner.
Desta escultura dixo Antón Pombo, investigador e divulgador do Camiño, que axiña será a máis fotografada e difundida vía redes do Camiño: actualmente ostenta ese posto a caravana de peregrinos do Alto del Perdón, en Navarra.
—Como lle chegou a proposta?
—Realmente a proposta chegou a través de Pepe Formoso, que me falou do Vákner, polo que eu empecei a indagar sobre o monstro coa axuda de Antón Pombo, que gran historiador do Camiño. Entón comecei a ver a posibilidade de crear o que hoxe podemos ver no Marco do Couto. Vákner é como unha alimaña que asustaba nos frondosos bosques de Dumbría aos peregrinos que chegaban de Compostela para coñecer a Costa da Morte.
—Cales foron as súas primeiras impresións acerca desta besta?
—Dende o comezo, Antón Pombo comentábame que posiblemente se tratase dun lobishome. Había indicios tamén de que podía ser un dragón, pero o máis posible era que fose un home lobo porque Mártiros de Arzendjan, o bispo de Armenia, mencionaba a esa besta dañina que nin vinte homes era capaces de reducir.
—A pouca información deulle máis liberdade á hora do deseño ou fixouse nas referencias cinematográficas sobre a criatura?
—Claro, claro, aínda que xa había bastante escrito porque Mártiros estivo como oitenta días en Santiago de Compostela e seis ou sete anos de viaxe. En canto a esa idea predeterminada que podemos ter por culpa das películas, é certo. Pero un home lobo é bastante sinxelo de definir polas historias que se teñen contado sobre el, entón non foi difícil facer o deseño. O máis importante era darlle esa sensación de meter medo e creo que o conseguimos, porque realmente a cara de mala leche chégalle ben... [ri].
—Foi moi complexo o proceso de creación?
— Non, pero si que está construída con moito agarimo e vai ser duradeira, porque é bronce e hai pezas de bronce de máis de 7.000 anos. Botei tres anos para facela dende que o alcalde, que é o gran responsable desta idea, mo propuxera. E agora aí está, con cinco metros de altura e case 1.300 quilogramos de peso.
—Vostede é recoñecido por crear símbolos que potencien o Camiño.
— Si, e este posiblemente é un dos símbolos con máis recorrido no Camiño de Santiago. Fíxate o que vivimos xa estes días no Marco do Couto, con peregrinos e de distintos puntos de Europa facendo unha auténtica festa de fotografías que se van potenciar ata o infinito grazas ás redes para aumentar o impacto do Vákner. Entón, creo que a proxección e o impacto desta peza vai ser incrible.
—Que lle parecen as iniciativas do Concello sobre o Vákner?
—Xeniais. Aquí tedes un mestre de manobras que é José Manuel Pequeño, o alcalde. É unha persoa incrible pola visión que ten sobre o que é o Camiño e a proxección a nivel mundial que pode ter para axudar aos seus veciños.