Patrocinado por

Trinta compañías exhiben os seus novos espectáculos en Galicia Escena Pro

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Santiago acolle desde mañá ata o xoves o mercado galego das artes escénicas, que inclúe 18 representacións abertas ao público xeral e 300 encontros de traballo

05 jun 2022 . Actualizado a las 14:53 h.

Unha fiestra aberta para amosar a diversidade e calidade da creación escénica galega do momento. Do teatro á danza pasando polo circo. Para o público familiar e para adultos. As montaxes que xa se poden ver sobre as táboas, pero tamén aquelas que aínda están agromando. Unha trintena de compañías foron seleccionadas para difundir os seus espectáculos máis recentes ou os proxectos nos que traballan na novena edición de Galicia Escena Pro, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta de Galicia, que se celebrará desde mañá ata o xoves en diferentes espazos de Santiago. Son máis de 160 profesionais do sector os inscritos nunha cita que busca favorecer a compra-venda das montaxes galegas. Nese sentido, 56 dos acreditados este ano son responsables de programacións culturais, de circuítos e de festivais escénicos tanto do ámbito galego como de resto da Península. Están xa programadas máis de 300 reunións e, desde a organización, prevén que se poida superar esta cifra.

A pesares da orientación profesional de Galicia Escena Pro, volverá a recuperar a presenza do público xeral nos 18 espectáculos que se exhibirán completos de teatro, danza e artes do movemento. «Sempre lle dá un toque máis especial», salientou o director da Agadic, Jacobo Sutil. O ano pasado, debido ás restricións pola pandemia, unicamente puideron asistir ás funcións os profesionais. A estas 18 montaxes que se escenificarán completas hai que engadirlle doce en presentacións breves, tipo pitching, destinadas exclusivamente ao público profesional.

O pano desta novena edición erguerao este luns a compañía madrileña Come y Calla (11.30 horas, Salón Teatro). É a única presenza foránea na cita coorganizada pola Consellería de Cultura e a Asociación Escena Galega. Preséntase en Santiago no marco dun intercambio con MADFeria, onde actuará a compañía galega A Feroz. Seguiralle Títeres Alakrán (16.30 horas, Teatro Principal), Cía. IO (18.00 horas, praza da Inmaculada), e Diego Anido (20.00 horas, Auditorio Abanca). O martes presentarán os seus traballos Os Náufragos Teatro (11.00 horas, Salón Teatro), Elahood e Marcia Vázquez (12.30 horas, praza de San Martiño Pinario), Rebordelos (16.30 horas, Teatro Principal), Inversa Teatro (18.00 horas, Auditorio Abanca); e VACAburra (20.00 horas, Salón Teatro). O mércores 8 chegarán Caramuxo Teatro (11.00 horas, Teatro Principal), Colectivo Glovo (13.00 horas, Auditorio Abanca), N+1 & Cuarteto Alicerce (16.30 horas, exterior da igrexa de Bonaval), Matrioshka Teatro (18.00 horas, Salón Teatro) e Barrosanta (20.00 horas, Principal). Na xornada final será a quenda de Helena Salgueiro (11.00 horas, Auditorio Abanca), Pistacatro (16.30 horas, entrada da Facultade de Ciencias da Comunicación), Aporía Escénica e Olivas Negras (18.00 horas, Teatro Principal) e, para baixar o pano, Ibuprofeno Teatro (20.00 horas, Salón Teatro).

Tanto Jacobo Sutil como os representantes de Escena Galega, Patricia de Lorenzo e Juan Rodríguez, destacaron a variedade nas propostas, cunha ampla presenza da danza, así como a participación de compañías emerxentes que conviven con outras xa con longa traxectoria. A feira tamén serve de escaparate para propostas que doutro xeito non chegarían.

Retirada de convites

As persoas non acreditadas que desexen asistir ás representacións deberán retirar previamente os convites —máximo dous por persoa— no despacho de billetes do Centro Social Abanca de 10.00 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.00 horas.

Debaten sobre o papel do teatro na educación e residencias artísticas

Unha das novidades desta novena edición de Galicia Escena PRO, segundo resaltou o director da Agadic, Jacobo Sutil, son as mesas redondas. Programa dúas no Centro Social Abanca para abordar a relación entre artes escénicas e educación, así como as residencias artísticas. A primeira desenvolverase o martes e incidirá na importancia das actividades escénicas nos currículos escolares porque non só ofrecen a posibilidade de achegarse a diferentes contidos, senón que tamén teñen importancia no eido da educación emocional. Intervirán Noelia Fernández, vicepresidenta da Asociación Te Veo, de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud; Luciano M. Fernández, director do Padroado de Cultura de Narón; Marián Osácar, directora artística da Feria Europea de Teatro para Niños y Niñas (Fetén); e Eulàlia Ribera, directora do Festival elPetit-Festival Internacional d’Arts per a la primera infància de Sabadell.

A outra mesa, que se desenvolverá o xoves, pon o foco na situación e o obxectivo das residencias artísticas. Neste caso intervirán Javier Casado, da área de apoio á creación de circo do Ateneu Popular 9 Barris; Laura Kumin, directora artística do Ceramen Coreográfico de Madrid; Fran Núñez, director do CDG; e Caterina Varela, directora de Residencias Paraíso. As dúas mesas empezarán as 13.00 horas.

Por outra banda, a programación deste mercado galego das artes escénicas tamén inclúe un concerto este mércores, a partir das 22.30 horas, de Los Jinetes del Trópico na sala Riquela.