Patrocinado por

Mónica de Nut: «Un concerto acústico, de ópera, e máis facelo na mina Consuelo, é todo un regalo»

y. garcia A PONTENOVA/LA VOZ

VEN A GALICIA

A artista viguesa ofrecerá esta fin de semana en A Pontenova arias de ópera, improvisación con armonio e canto tradicional galego

07 jun 2022 . Actualizado a las 13:22 h.

«Ainda non fun, non», di Mónica de Nut, que agarda por encontrarse ‘cara a cara’ coa magna Mina Consuelo, en A Pontenova, onde actuará esta fin de semana con dous concertos. «Teño moitas ganas de ir!», exclama.

—Como ten prevista a intervención, nun espazo novo que non coñece e tan especial coma ese?

—Non é a primeira vez que me expoño así, a unha actividade similar. Cada unha é diferente. Son singulares. Gústame ese risco, de non saber que vai a pasar, de deixar unha porta aberta á improvisación. Conto con iso. Levo algo do meu traballo co que me podo sentir segura, para despois no lugar poder abrirme e interactuar co que hai arredor, coa xente, co espazo, co momento...

—É diferente o efecto da súa voz no público nun entorno en plena natureza que nun auditorio?

—É distinto. Ainda que nun teatro sempre hai unha marxe de non saber que vai pasar, como vai reaccionar o público, se vai haber moita xente ou non... Neste caso hai un guion pero, dependendo da situación, pode dilatar dun lado ou de outro, cambiar. Na mina Consuelo tamén está o contexto dos sons da natureza. Vou levar o armonio, co que fixen algo similar, pero non con público nin en directo, senón que foi grabado, nunha ferreiría antiga no Bierzo. Foi unha proposta similar en canto a repertorio, pero máis reducida. O armonio ten un son moi chulo e mestúrase moi ben cos sons da natureza. Permíteme entrar nesa concentración para improvisar e conectar coa xente de arredor, pero en grupo reducido. Hai unha cercanía, será un concerto acústico. É un regalo, empezando por aí, porque cada vez hai menos espazos que che permiten traballar o canto acústico, sen ningún tipo de amplificación e iso cambia radicalmente porque non hai ningún tradutor informático (hoxe estamos moi habituados a un mp3). En directo non se escoita igual. A sensación que produce o son en directo, sen ningún tipo de filtro informático nin tecnolóxico como un micro, na pel, xa non digo nos oídos, en todo o corpo, non ten nada que ver. A xente emociónase coas vibracións. En propostas así, a presenza tamén se sinte moito máis intensa.

—Que cantará na Pontenova?

—Haberá canción tradicional, lírica e unha base sonora onde improviso e me deixo levar e que é moi interesante, ainda que tamén require de ensaio para saber en que contexto te moves. O canto tradicional conéctate coa terra e o lírico é máis evasión, pero compleméntanse moi ben. É moi chulo xogar con ese tipo de cantos, diferentes, e unilos. Como dentro da mina hai moi pouco espazo, o concerto será ao aire libre. O grosso vai estar na entrada. Pero haberá máis cousas...

  • ONDE: Dende Os Fornos ata Mina Consuelo (programa de sendeirismo e espeloarte)
  • DÍAS: Sábado 11 e domingo 12
  • HORA: 12.30
  • RESERVAS: web tirolinadasminas.com