«Constelación Luz» percorre en cen pezas a traxectoria de Luz Pozo Garza
VEN A GALICIA
A mostra na Cidade da Cultura abre as actividades do centenario da autora
10 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Da partida de nacemento e unha foto en Ribadeo cando tiña só dez meses ata un fragmento do último texto que retocou o 6 de febreiro do 2020 pouco antes de falecer. A exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida percorre ao longo de dez vitrinas a traxectoria da escritora de xeito cronolóxico amosando non só os fitos literarios, senón tamén a súa vida persoal. «A súa poesía é a historia da súa vida», resaltou Olivia Rodríguez, comisaria desta mostra que se inaugurou onte no Arquivo e Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura.
O proxecto expositivo está conformado por un cento de pezas procedentes na súa maior parte do fondo documental e bibliográfico doado pola propia poeta en 2016 ao Arquivo e Biblioteca de Galicia, aínda que tamén nas hai procedentes de particulares e doutras institucións como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura ou a Fundación Manuel María. O percorrido inclúe documentos, libros, revistas, colaxes e debuxos, que están acompañados tamén de versos da escritora así como ilustracións. Non faltan tampouco cartas persoais con figuras destacadas da literatura española e galega como Vicente Aleixandre e Ramón Otero Pedrayo, ademais de borradores orixinais das súas creacións. Pódense atopar pezas singulares como un debuxo de Seoane do ano 1975 dedicado a Luz Pozo Garza ou as follas soltas dun libro artesanal que a poeta creou no 2019 en honor a Otero Pedrayo. «Agardamos que esta mostra espalle o coñecemento sobre a escritora», afirmou a comisaria. Gonzalo Vázquez, fillo da poeta, apuntou que a súa nai «estaría encantada» de ver esta mostra, recordando a minuciosidade coa que ela afrontaba todos os proxectos.
A exposición abre as actividades organizadas pola Xunta con motivo do centenario do nacemento desta figura clave da poesía galega, que se cumprirá o vindeiro 21 de xullo. «Trátase dunha ollada a unha vida creativa», resaltou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, engadindo que quixeron inaugurar a mostra coincidindo co Día dos Arquivos xa que ela doou parte do seu legado ao Arquivo de Galicia. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, incidiu en como a autora de Ánfora, Códice Calixtino ou Pazo de Tor «nos fixo vibrar ata o último momento».
A programación para conmemorar o centenario de Luz Pozo continuará o día 21 de xuño, no Auditorio Neira Vilas do Arquivo de Galicia cunha xornada para profundar na súa figura. Impartirá unha conferencia o catedrático de Literatura Galega e académico Xesús Alonso Montero e seguiralle unha mesa redonda coa profesora de Filoloxía Olivia Rodríguez, o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo e o poeta Claudio Rodríguez Fer. O 21 de xullo, coincidindo coa xornada na que a autora cumpriría cen anos, haberá un concerto. Tamén preparan un catálogo da exposición coa participación de varios especialistas e a edición facsimilar de Mensajes de poesía.