Albariño no Camiño volve a Cambados con concertos, catas, exposicións e rutas teatralizadas
VEN A GALICIA
Será os días 1, 2 e 3 de xullo no parque de Torrado e cun concerto de Inmaculate Fools como prato forte
24 jun 2022 . Actualizado a las 13:23 h.Albariño no Camiño volve a Cambados para alimentar a programación cultural do municipio. Da man do Xacobeo e coa colaboración do Consello Regulador Rías Baixas, o Concello preparou tres días de actividades que se desenvolverán os días 1, 2 e 3 de xullo. A cita adiántase no calendario respecto ao ano pasado e faise así para evitar que coincida co tempo da vendima, segundo explico o concelleiro de Cultura, Tino Cordal.
O prato forte será a música con concertos os tres días. O venres actuarán Señora DJ, Terbutalina e Ortiga; o sábado, Antía Muíño e o grupo Inmaculate Fools que volverán actuar na vila, e o domingo actuarán Caamaño e Ameixeiras e Sheila Patricia. Isi Vaamonde, Magín Blanco e a Banda das Apertas serán outros dos artistas que pasarán polo Albariño no Camiño. Todas as actuacións se realizarán no parque de Torrado ás 21 horas. Alí en Torrado desenvolverase o resto do programa; dúas exposicións sobre os carteis da Festa do Albariño e dos viños premiados no seu concurso e catas que se ofrecerán ao longo dos tres días grazas á colaboración de dez adegas.
O que sairá dos muros de Torrado son as visitas que protagonizará Teatro no Garaxe co fin de dar a coñecer o patrimonio e a historia do pobo; serán tres rutas, unha desde a capela do Hospital á Torre, outra desde o adro da igrexa parroquial ata Santa Mariña e outra desde praza Fefiñáns ao Muíño da Seca. Cordal destacou en rolda de prensa a importancia desta cita á hora de situar a Cambados «no epicentro» da cultura galega.