Patrocinado por

O Museo de Artes do Gravado aumenta os fondos e aspira a ampliar a súa proxección cara o exterior

m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

MARCOS CREO

Recibirá unha doazón de 120 obras de Xosé Luís Veiras Manteiga

11 jun 2022 . Actualizado a las 18:08 h.

O padroado da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital celebrou unha xuntanza co obxectivo de facer balance das actividades desenvolvidas este ano e para aprobar xa as principais liñas de actuación do 2023. Do traballo feito destaca a incorporación de novos fondos e, do programado, a intención da entidade de seguir ampliando a súa proxección cara o exterior.

Por unha banda, a ampliación dos fondos produciuse pola incorporación de medio cento de obras, impulsada por Javier Expósito Paradela, o creador do museo. Trátase de libros antigos ilustrados pertencentes ao século XVII, que pasarán a engrosar a biblioteca da entidade.

Pero a enorme riqueza artística coa que contan as instalacións situadas na localidade ribeirense de Artes tamén medrarán con dúas doazóns. Unha delas é unha serie de gravados de Julio Zarchrisson, un pintor natural de Panamá que residiu parte da súa vida en Madrid, e a outra, unha colección de traballos de Xosé Luís Veiras Manteiga. O artista barbancés cederá 120 obras, entre as que destacan máis de 90 caricaturas.

Seguir ampliando os fondos, que xa se sitúan por riba das 45.000 obras, é un dos obxectivos da fundación, que tamén busca incidir na posta en valor do museo. E os obradoiros de gravado constitúen unha das iniciativas que están contribuíndo a conseguir este propósito. Do 8 ao 10 de xullo levarase a cabo un novo curso e a maioría dos alumnos chegarán de fóra de Galicia.

Novo Premio Atlante

Na sona internacional que acadou o Museo de Artes do Gravado ten moito que ver o Premio Atlante e o padroado acordou xa a celebración dunha nova edición no 2023, a décimo cuarta. Pero aínda está pendente o fallo do certame deste ano, que se dará a coñecer o vindeiro mes, e a exposición das obras seleccionadas polo xurado, que terá lugar no último trimestre. O director do museo, Pastor Rodríguez, explicou que xa se levan recibidas unhas duascentas estampas.

Entre as exposicións previstas para o vindeiro ano atópanse as dedicadas a Picasso, Quintana Martelo, Colmeiro e María Casares, así como unha mostra de gravado antigo.

O padroado acordou na reunión a incorporación de Santiago Freire, alcalde de Noia, e Javier Expósito Seoane, fillo do fundador do museo.