Patrocinado por

Saír a polas herbas de San Xoán, unha tradición a conservar

leticia Castro O GROVE / LA VOZ

VEN A GALICIA

Cóntase que moitas delas teñen propiedades para espantar meigas e protexer os fogares. O «cacho» faise na noite do 23 para lavar a cara pola mañá

13 jun 2022 . Actualizado a las 17:57 h.

A costume de ir a polas herbas de San Xoán comeza a tomar forza de novo, a lo menos no Grove, onde non estaba tan arraigada coma noutros lugares da contorna. Quizais o libro da bióloga e docente Silvia Domínguez teña algo que ver no asunto. As Herbas de San Xoán é, como define a autora, un caderno de campo para faceres o cacho, así que parece unha boa ferramenta para saír ao monte e comezar a identificar as plantas. E dicimos que a costume medra, porque a obra de Domínguez publicouse o ano pasado uns días antes da noite máxica do 23 de xuño espertando un enorme interese na veciñanza, pero ao longo destes 365 días tanto a autora como a editora Patasdepeixe, ambas residentes no municipio meco, tiveron tempo de achegar a obra a varios puntos de Galicia.

Será por iso que o libro vai xa pola terceira edición e segue dando que falar. Tanto, que Silvia xa impartiu máis dunha charla en centros educativos da localidade para ensinarlle ao alumnado cómo deben facer o «cacho» na noite de San Xoán para que poidan lavar a cara ao día seguinte coa máxica poción. Domínguez explica que as principais herbas para elaborar o cacho son o hipérico, o fiúncho, a herba luisa, a xesta, o fento, a malva e o romeu. E todas elas teñen propiedades, segundo conta a tradición, para  espantar ás meigas e protexer os fogares.

Así que se un sae ao monte, e no Grove por fortuna hai moito, pode topalas todas. Tanto a zona de Moreiras, como os arredores da Lavaxeira soen ser bo sitio para recoller algúns exemplares, pero non todos. E hai algunhas especies que medran preto de casas abandonadas, así que o máis importante, como sinala a autora, e saír de expedición e desfrutar da experiencia. Non hai dous cachos iguais, porque hai quen inclúe a maiores outras herbas, como a ruda ou o tromentelo, que teñen un significado especial contra os maleficios.

Domínguez nomea ata nove especies que se poden atopar no seu caderno. E a todas elas as acompaña unha ilustración feita á man e unha fotografía que axuda a identificalas. Ademais de amosar neste libro os seus coñecementos botánicos mesturados coa cultura popular, o seu maior obxectivo é «representar a toda esa xente do rural, na súa maior  parte mulleres, que de maneira oral foron transmitindo as virtudes das plantas e a importancia de levar a cabo os rituais con elas coa fe que o facían». Unha tradición para dar a benvida ao verán que paga a pena conservar.

Ruda, a mellor contra as meigas

Ao parecer a ruda, cuxo nome científico é Ruta Graveolens, é a que máis poder ten para espantar ás meigas e absorber as malas enerxías do ambiente. Por iso é bastante común atopala plantada en macetas ás portas das casas. Como curiosidade, apunta a autora, «as mulleres que a tiñan na porta e vivían soas eran consideradas bruxas». Trátase dunha herba que ten varios usos medicinais, entre elas propiedades antiabortivas, e existe a crenza de que podía axudar entre outras cousas a regular a menstruación das mulleres.

Estraloque, como un gorros das fadas

O estraloque ten varios nomes: dedaleira, gorro de fadas, croques. Di a lenda que esta planta cuxa flores son de cor malva, medran onde se reúnen as meigas, polo que unha boa solución para espantalas é ir arrincándoas , dun xeito coidadoso. De feito soen crecer agrupadas polo monte adiante. Os antergos din que hai que estralas, coas dúas mans, e fan un ruído moi peculiar. Igual é por iso que é unha herba tóxica, pero aínda así conserva propiedades cardiovasculares, xa que é capaz de diminuír o ritmo cardíaco.

Sabugueiro, unha árbore para curar

É unha árbore autóctona, que era sagrada para as culturas prerromanas, xa que convive nela a dualidade. É tóxica e cura á vez. Cunha follaxe moi densa e flor de pequeno tamaño, servía para acoller a multitude de seres máxicos ao seu redor, ou iso dicían. Cando chegou o cristianismo foi demonizada e cortada para combater o paganismo, pero pese aos esforzos volveu rexurdir «de maneira case máxica», di Domínguez. Ten moitas aplicacións médicas, entre elas propiedades sudoríficas que axudan a curar arrefriados.