Coros centenarios poñen o broche a tres días de foliada na Cidade da Cultura, en Santiago
VEN A GALICIA
Nesta terceira edición do Encontro Galego de Cultura Popular, que tivo como gran protagonista a pandeireta, déronse cita máis dun milleiro de artistas
13 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Non foi a muiñeira de Chantada, senón o himno galego nas voces de preto do centenar de compoñentes de dous coros históricos galegos, Cantigas e Agarimos e Cántigas da Terra, ambos con máis de cen anos de traxectoria, os que puxeron o punto e final a tres días de Serán na Cidade da Cultura. Nesta terceira edición do Encontro Galego de Cultura Popular, que tivo como gran protagonista a pandeireta, déronse cita máis dun milleiro de artistas, tanto na praza do Gaiás como no interior do museo.
As actividades, que tivo como gran referente o Foliadón, con actuacións ata ben entrada a madrugada do sábado, atraeron a milleiros de visitantes á Cidade da Cultura, segundo destacaron desde a Xunta de Galicia, que organizou a actividade.
A cita tamén serviu para amosar que a cultura popular galega ten futuro no eido da música. Porque xunto a voces e intérpretes máis veteranos, eses que propiciaron que a conservación se transmitise, tamén estiveron as xeracións máis novas, tanto coa pandeireta na man como bailando a golpe de muiñeira. «Pasado, presente e futuro», resaltaban algúns dos participantes neste evento, que onte tivo como unha das actividades de referencia un desfile de traxe tradicional. A asociación pontevedresa Sete Espadelas amosou trinta conxuntos para reflectir as diferenzas entre o vestiario das distintas clases sociais.