Patrocinado por

Primavera no Camiño Inglés realza en Oroso a «singularidade e autenticidade» da ruta

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

XOAN A. SOLER

Os dezaoito concellos que atravesa o itinerario xacobeo amosaron na alameda de Góis, en Sigüeiro, o seu patrimonio natural, cultural e gastronómico

13 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A quinta edición de Primavera no Camiño Inglés serviu onte para divulgar o patrimonio natural, cultural e gastronómico dos dezaoito concellos que atravesa esta ruta xacobea. Fíxoo a través dunha vintena de actividades e unha trintena de postos expositivos, así como degustacións, na alameda de Góis, en Sigüeiro (Oroso). Visitantes e peregrinos atoparon desde as troitas de Oroso ao pan de Neda ou o queique de Ordes. Desde o Feirón Medieval de Pontedeume aos paseos literarios por Santiago. Dos percorridos en barco por Cabanas ás Meninas de Canido en Ferrol. Deses primeiros metros da ruta por A Coruña ata a romaría castrexa de Cambre. Do xabón de arxila de Mesía á torta de Santiago. Dos asentos máis duros de Fene aos percorridos en barco por Cabanas ou o xardín botánico de Culleredo. Das visitas guiadas por Betanzos ao turismo de auga doce en Abegondo.

«Fronte á masificación doutras rutas, nós ofrecemos singularidade. Fronte a camiños só por terra, nós contamos cos encantos da costa atlántica e do interior coruñés. Porque fronte a camiños asfaltados, nós conservamos tramos e paraxes como as que descubriron os primeiros peregrinos a Compostela, aló polo século XI», reivindicou Manuel Mirás, presidente da Asociación de Concellos do Camiños Inglés, organizadora da iniciativa en colaboración co Deputación da Coruña e o Concello de Oroso. Porque se algo quería deixar claro o evento era a «singularidade e autenticidade» desta ruta de peregrinación para chegar a Compostela. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, incidiu en que Primavera no Camiño Inglés amosa «o que foi, o que é e o que aínda pode ser» esta ruta xacobea. Deste xeito, animou a «gozalo e facelo cada vez máis grande». Tamén resaltou o dirixente provincial a colaboración entre as administracións.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asegurou que o Camiño Inglés «nos une con Europa, con Inglaterra, Irlanda, os países nórdicos, a Bretaña francesa...» e «xa está moi consolidado, xa que é o terceiro máis transitado». A representante da Xunta reivindicou, ademais, a riqueza que xera o turismo, que representa o 11 % do PIB e o 10 % do emprego en Galicia. Pola súa banda, o rexedor de Oroso, Luís Rey, que nesta edición fixo de anfitrión, fixo fincapé na necesidade de «garantir que os valores perduren» e de «proporcionar aos camiñantes a mellor experiencia posible».

No acto institucional tamén houbo recoñecementos. Neste caso, para ao alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, polo seu traballo a prol do Camiño Inglés co proxecto de creación dunha rede de 28 fontes pública de auga potable ao longo do Camiño. O homenaxeado agradeceu esta distinción e, ademais, ofreceu Abegondo como anfitrión da vindeira edición de Primavera no Camiño Inglés.

Máis de 3.000 persoas

Ao longo da xornada foron mais de 3.000 persoas, segundo a organización, as que acudiron a alameda de Góis para percorrer o Camiño de Santiago tanto ao longo dos postos dos 18 concellos que atravesa á ruta, como da decena de postos de artesanía. Nestes últimos podíanse atopar desde propostas ligadas á tradición como os zocos, os cestos ou as pandeiretas, así como traballos de ourivería, ata recordos ligados á ruta xacobea como sudadeiras, camisetas ou tazas.

Pero á parte expositiva engadíronselle obradoiros e «showcookings». Entre os talleres estiveron o de barro a cargo de Brañas de Valga (Mesía), así como de xabón, chapas ou pan. Pola súa parte, a área gastronómica estivo moi concorrida cos «showcookings» e degustacións do Escenario da Rede Stelar. Tamén tivo boa acollida a degustación de troitas de Oroso, acompañadas de pan de Carral e de Neda, así como o bolo mariñeiro, unha especialidade que mestura pan, queixo, cebola e marisco.

Nesta cita para amosar os valores máis senlleiros do Camiño Inglés tampouco faltou a música, con actuacións nas dúas carpas que acollían os postos expositivos a cargo de Lembranzas do Tambre, Buxos Verde, a Banda Xuvenil Airiños de Fene, Arnela, a Banda de Música de Arúza, Argalleiros e as Pandereteiras de Oroso.