A mostra de teatro ourensá celebrarase do 15 ao 24 de xullo
15 jun 2022 . Actualizado a las 22:02 h.Coa pandemia camiño do esquecemento, a MIT de Ribadavia retoma con forza a súa aposta pola internacionalidade e polos camiños menos transitados para reivindicar novos formatos e pór o foco nas problemáticas menos coñecidas ou marxinais.
A programación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia foi presentada este mércores na capital do Ribeiro polo seu director, Roberto Pascual, e os representantes das institucións que apoian o proxecto: Concello de Ribadavia, Deputación de Ourense, Xunta e Ministerio de Cultura.
En dez días, do 15 ao 24 de xullo, haberá 21 representacións e contarase coa presenza de artistas internacionais chegados de Perú, Portugal, México ou Mozambique, a prestixiosa directora Chela de Ferrari ou a compañía portuguesa Nome Própio. Entre as propostas destacadas da MIT 2022 figuran a presenza por vez primeira en Galicia de Xavier Bobés e a compañía catalá La Calòrica ou un dos espectáculos revelación da temporada: La infamia, a partir das memorias da xornalista mexicana Lydia Cacho.
A dramaturxia galega estará representada por autores como Esther F. Carrodeguas —que estreará unha conferencia-espectáculo creada a partir das historias de violencia contra as mulleres rapadas no franquismo— e Ernesto Is, que contará con dous espectáculos e presentará o libro que lle valeu o premio Abrente. Tamén por A Quinta do Cuadrante e Incendiaria e a súa montaxe A lúa vai encuberta, premiada nos María Casares.
Máis diversidade
Entre as propostas da MIT de Ribadavia figuran este ano montaxes como Marge —protagonizados por adolescentes e sobre os nenos sen teito—, Demente —que se centra nas enfermidades mentais— ou a versión libre de Hamlet que a directora peruana Chela de Ferrari creou para ser interpretada por persoas con síndrome de Down.
El mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca conta a historia da promesa realizada por un mestre dunha escola de Burgos aos seus alumnos. Fíxoa nun día de inverno de 1936.
Toda a programación e horarios, en mitribadavia.gal.