A organización do festival publicou un vídeo no que o actor anima a sumarse aos festexos, que terán lugar en Vimianzo na fin de semana do 1 e 2 de xullo
16 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Ben sabido é o vínculo que aínda hoxe garda co seu Vimianzo natal o recoñecido actor Martiño Rivas, que estes días se converteu nun embaixador de luxo da vixésimo quinta edición do Asalto ao Castelo. Esta festa, de Interese Turístico, difundiu a través das súas canles sociais un vídeo no que o actor anima a sumarse ás celebracións, que están previstas para a fin de semana do 1 e 2 de xullo, pero tamén á actividade coa que dará comezo a gran semana da revolta: a Legua Irmandiña, unha carreira popular «con final no icónico Castelo», di Rivas, «e con diversas categorías», de pitufos a séniors.
A carreira celebrarase o sábado 25, pero a data de inscrición, como ben lembra Martiño no vídeo que colgou a organización do Asalto, conclúe o día 23. «Comeza a revolta, lume!». Así conclúe a mensaxe remitida polo actor, que en edicións anteriores se deixou ver por Vimianzo gozando do festival.
Pinchos irmandiños entre o 28 de xuño e o 2 de xullo, unha ruta teatralizada ata a Cruz do Loureiro, unha feira artesanal, a tradicional cea medieval e numerosos concertos completan a programación deste ano tan especial. Cé Orquestra Pantasma, A Banda da Balbina, Monoulious Dop, Sés, Nativa, Talco e Tandub encargaranse do apartado musical.