Patrocinado por

A cacharela do San Xoán de Callobre préndese co lume divino do Pico Sacro

David Cofán Mazás
David cofán A ESTRADA / LA VOZ

VEN A GALICIA

A Asociación Cultural Castro da Fervenza retoma a cerimonia dous anos despois

16 jul 2022 . Actualizado a las 20:55 h.

O San Xoán estradense ten en Callobre unha das celebracións máis destacadas. Unha festa nun entorno natural envexable cunha gran cerimonia inspirada nos ritos celtas durante o solsticio de verán. Dende Liñares ata o alto do Castro da fervenza os veciños desfilan cos fachos para acender a cacharela á súa chegada ao alto do Castro, sempre ao son dos tambores e da música que confiren un ambiente místico previo á gran festa con música popular e sardiñada. Porén, os prolegómenos desta celebración nacen no accidente xeográfico que agocha máis misticismo da contorna, o Pico Sacro.

Gumersindo Pereira, da Asociación Cultural Castro de Callobre, explica que no 2016 naceu unha nova liturxia para facer aínda máis especial o seu San Xoán, que consiste en acender no Pico Sacro o lume co que se prenderá posteriormente a cacharela do Castro. «É unha montaña mítica de Galicia e con relación co mundo celta. Pareceume o sitio máis adecuado para facelo», sinala.

«Trátase de xuntarse ao pé da montaña vestidos con roupas celtas e subir ata diante da capela onde facemos o lume», explica. Esta procesión lidérana un druída e unha raíña que son os encargados de facer o lume nun pebeteiro con piñas, follas secas e faísca. Todo acompañado con música de percusión, rematando cun gaiteiro no momento do acendido, que toca entre outras pezas, a marcha do Antigo Reino de Galicia. O lume quedará prendido ata a noite de San Xoán, momento no que é transportado ata o alto do Castro nun gran candil.

Cerimonia compartida

 

Aínda que próximo, o Pico Sacro pertence ao concello de Boqueixón, polo que os locais, en canto viron esta cerimonia, quixeron ser partícipes dela. O Concello do municipio coruñés acompaña aos membros da asociación nese rito, formándose dúas tribos que participan conxuntamente nese proceso, empregando o lume para o seu propio San Xoán. De feito, o departamento de Turismo do Concello anima á participación da veciñanza no acto, deixándolle as roupaxes típicas.

Coa ollada no ceo

 

Despois de dous anos coa pandemia impedindo a súa celebración, nesta ocasión é o tempo o que se interpón no camiño desta cerimonia que terá lugar o domingo a partires das 13.00 horas. Gumersindo conta con anunciar o sábado se seguen adiante ou non, aínda que a previsión de treboadas parece que botará abaixo esta orixinal celebración. Do mesmo xeito, o San Xoán do Castro non contará co desfile, aínda que si coa música e a sardiñada.

Cereixo celebra o seu San Xoán este sábado cunha cea

Despois de tres anos de ausencia pola pandemia, o San Xoán volverá a Cereixo este sábado a partires das 22.00 horas. A asociación veciñal de San Xorxe organiza unha festa na Casa da escola parroquial que consistirá nunha cea con sardiñas, churrasco, viño e unha gran queimada amenizada pola música da agrupación folk, Os Ke Hai. O prezo por persoa é de quince euros, aínda que os cativos acoden de balde. As inscricións deben realizarse na Taberna do Rejo.