A fogueira iniciará o xoves en Covas catro días «do San Xoán máis desexado»
VEN A GALICIA
A comisión asará o sábado máis de 800 quilos de sardiñas no Campo da Pascua
21 jun 2022 . Actualizado a las 20:01 h.A empresa Rolle Forestal encargarase este xoves pola mañá de dar forma na praia, nas inmediacións do monumento natural dos Castelos, á fogueira coa que a medianoite arrincarán as festas do San Xoán de Covas, en Viveiro. Serán as primeiras que se celebren logo do inicio da pandemia do coronavirus no 2020, e serán tamén «as máis desexadas», segundo confirmaron este martes desde a comisión organizadora. En representación dela, Paula Piñón Yáñez indicou que veciños e comerciantes levan achegado xa boa parte do orzamento necesario para preparar uns festexos que se prolongarán ata o domingo. «Este ano a xente colaborou moi ben. Estamos moi contentos. A xente ten ganas de festa e cada un achegou o que puido dentro das súas posibilidades», recoñeceu, antes de agradecer a implicación ata dos comercios de Viveiro. O programa oficial arrincará este xoves ás 23.00 horas coa verbena que ofrecerán a orquestra Miramar e o grupo Arizona. A gran lumeirada será prendida ás 00.00 horas. O venres 24, día grande, a Escola de Gaitas Cacharela de Covas brindará un pasarrúas ás 11.00 horas. A misa na igrexa parroquial dará comezo ás 13.00 horas, e ó rematar haberá procesión acompañada pola Banda Naval de Viveiro. A orquestra Trébol amenizará a primeira sesión vermú do ano, e pola noite tocará na verbena con Acordes.
O sábado 25, haberá pasarrúas con Non cho digo e Cacharela a partir das 11.00 horas. Desde as dúas, sesión vermú con Suavecito, e á tardiña, ás 20.00 horas, gran sardiñada no Campo da Pascua. A comisión espera asar entre 800 e 900 quilos de sardiñas, cocer de 400 a 500 quilos de patacas e servir uns 300 litros de viño. Os veciños que achegaron cartos para a festa terán racións gratis, mentres que o resto pagará un prezo módico.
O domingo, Día do Neno
O 25 de noite haberá verbena con Suavecito e a orquestra Magos, e o domingo 26 terá lugar o día do Neno, con descontos nas atraccións infantís a partir das 17 horas.