A xira internacional da mítica banda británica Placebo recalará o 26 de agosto en Ourense
VEN A GALICIA
A presenza da banda británica de rock alternativo xa está xerando unha importante demanda de entradas
22 jun 2022 . Actualizado a las 12:34 h.Dentro da súa xira internacional Never Let Me Go, Placebo recalará en Ourense o vindeiro 26 de agosto. A actuación enmárcase dentro da programación do Xacobeo 21-22 e a presenza da banda británica de rock alternativo xa está xerando unha importante demanda de entradas. Ata o de agora xa se levan vendido as mil primeiras para o concerto que se celebrará en Expourense. Están dispoñibles en www.ataquilla.com. A actuación presentouse onte no mesmo espazo onde se desenvolverá e contarase coa presenza de dous grupos como teloneiros, aínda que polo de agora non se confirmaron os nomes. As portas de Expourense abriranse ás 20.00 horas e a actuación de Placebo comezará ás 22.30 horas do citado 26 de agosto, venres.
Paquetes turísticos
Máis do 45 % das entradas foron solicitadas dende fóra de Galicia —Madrid, Barcelona ou Valencia— e a organización lanzará un paquete turístico de rock & relax para quen queira descubrir a Ribeira Sacra ou O Ribeiro durante esa fin de semana.