Patrocinado por

María García Bugallo: «A Vía da Prata é a preferida pero consolídase o Camiño de Inverno»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VEN A GALICIA

Miguel souto

Aprecia un incremento de peregrinos, sobre todo desde o pasado mes de maio

25 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Soñaba con ser azafata, pero consciente de que era unha profesión cunha determinada periodicidade, María García Bugallo acabou por estudar Turismo. Esta forcaricense de nacemento, pero residente e empadroada en Lalín desde fai varios anos; a quen lle gusta o contacto coa xente e o turismo é auxiliar de información turística no Concello de Lalín: un posto que xa ocupou nos anos 2016 e 1019.

—Acabamos de comezar o verán, pero cales son as previsións para a tempada?

—Estamos nos primeiros compases do verán pero xa se nota un incremento de visitantes respecto do ano 2019. Maio non foi un mes de récord, pero si que xa se notou movemento de peregrinos. Penso que se pode deber a que estamos en Ano Santo, iso conta moito.

—Cal é o perfil tipo dos peregrinos que están chegando?

—Xeralmente son persoas con experiencia á hora de camiñar, xente que xa fixo outros Camiños a Santiago, que repite experiencia.

—Son maioritariamente españois ou de fóra?

—Sempre atopas de todo pero normalmente hai moito estranxeiro, e este ano está sucedendo o mesmo. No que levamos deste mes de xuño o 50 % dos peregrinos que se achegaron á oficina foron estranxeiros procedentes de Alemaña, Inglaterra, Francia e Portugal fundamentalmente. Claro que tamén hai españois que apostan por facer a ruta a Compostela.

—Que tipo de información están procurando cando se acercan á oficina?

—Hai de todo, por suposto, pero normalmente saben por onde van e non teñen dificultade á hora de seguir o trazado do camiño. Veñen máis á oficina na procura de que se lles poña o selo, e se xurde algunha pregunta ou dúbida é normalmente por unha cuestión de aloxamento. Na actualidade o albergue de Dozón está pechado e iso fai que moitos peregrinos cheguen a Lalín moi cansos, algún algo perdido, e todos desexosos de descansar... Deuse algún caso de preguntar por onde aloxarse pero xeralmente é xente que trae toda a información necesaria sobre o camiño: etapas, quilómetros, albergues... Non se lanzan a facer o Camiño a Santiago sen antes estudar o percorrido minuciosamente.

—Pola capital comarcal pasa a Vía da Prata e o Camiño de Inverno. Cal está sendo máis usado?

—Algo máis concorrida está a Vía da Prata. É a preferida pero está consolidándose o Camiño de Inverno. Nótase un incremento de peregrinos polo mesmo, digamos que andan aí aí entre un e outro.

—Sucédense as solicitudes de grupos de estudantes e mozos para usar pavillóns para pernoctar no seu traxecto cara a Compostela. Atende a moita mocidade?

—O camiño faino sobre todo xente de certa idade, moitos xubilados. Non adoito ver xente noviña camiñando cara a Compostela, pero claro que tamén hai mozos aínda que non tantos como adultos.

—Preguntan por cuestións turísticas municipais?

—Non adoita ser o caso. Son eu a que normalmente lles pregunta o que máis lles atrae, e a partir de aí vou direccionandoos: se lles gusta a natureza, facer sendeirismo, patrimonio histórico... Por iso contamos na oficina de turismo de Lalín con todo tipo de información relativa ao municipio pero tamén dispoñemos dalgún mapa comarcal, onde se poden ver os atractivos que temos pola contorna para que os visitantes se animen a coñecelos. E dentro da ampla oferta que temos buscamos o que mellor encaixe cos gustos de quen nos visita claro.

«Aínda se coñece pouco o interior, pero logo quen vén sorpréndese da nosa ampla oferta»

Pola oficina de turismo de Lalín pasa moita xente que escoitou falar do pobo, que lle soa pola Feira do Cocido, pero que non coñece a súa riqueza paisaxística, turística e histórica, apunta María.

—A realidade é que se coñece pouco o interior, e aí as administracións creo que teñen que facer un esforzo importante de promoción, pero non é menos certo que logo os que veñen se sorprenden enormemente de todo o que temos que ofrecer. A nosa oferta é ampla e moi variada. Institucionalmente penso que aínda estamos un pouco esquecidos.

—Veñen a priori tres meses importantísimos dende o punto de vista turístico.

—Xullo, agosto e setembro deberían de ser moi potentes. Nós estamos tamén promocionando o noso municipio, dende o 15 de xuño, cun posto móbil. Estivemos en Moaña, agora toca Cangas o 7 e 8 de xullo, e logo Noia e Nigrán. Fomos á Feira Semana Verde de Silleda, a outra feira do Eixo Atlántico en Ferrol; moi interesante xa que no Eixo hai concellos do norte de Portugal e tamén démonos a coñecer alí.

—O Concello de Lalín xunto con Roteiros están impulsando varias rutas de sendeirismo tamén no verán. Pídese información dos sendeiros?

—Pois mira, pasou de ser algo que estaba aí a espertar interese entre a poboación. Ao tratarse de rutas pensadas, unhas para un público familiar, e outras para persoas máis experimentadas na práctica do sendeirismo, podemos dicir que están en auxe. É un xeito marabilloso de dar a coñecer o noso patrimonio.

—Teñen información dos establecementos hostaleiros da zona?

—Temos, pero aqueles que o desexen, ou os que abren as súas portas nos últimos tempos, que non dubiden en traernos a información dos seus locais que a poñeremos na oficina.