Patrocinado por

Unha visibilización da memoria do colectivo LGBTIQA nas rúas de Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

A cidade do Lérez acolle, ao longo de toda a semana, unha serie de actividades polo Día do Orgullo

27 jun 2022 . Actualizado a las 10:29 h.

Coa presentación o pasado martes da instalación artística Memoria LGBTIQA no balcón da Casa da Luz, Pontevedra volveu dar un paso adiante na visibilización da memoria deste colectivo e lembrou que ningunha conquista de dereitos é irreversible. Estas dúas son as principais reivindicacións que centran o programa deseñado pola Concellería de Igualdade e maila asociación Avante LGBT+ co gallo do 28 xuño, Día Internacional do Orgullo.

«A bandeira LGBT volverá despregarse —sinalou a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco na presentación da programación de actividades— e nesta ocasión as palabras ‘orgullo' e ‘memoria' estarán ben visibles para lembrarnos a historia da loita do colectivo, que non podemos dar nin un paso atrás e que, evocando as verbas da poetisa portuguesa Ana Luísa Amaral, ningunha conquista é irreversible». A este respecto, engadiu que «neste Orgullo imos rememorar certos fitos históricos que marcaron a cronoloxía da batalla a prol da diversidade e a igualdade: 1901, primeira voda entre dúas mulleres co casamento de Elisa e Marcela na Coruña; 1969, inicio da loita organizada polos dereitos LGBT e revolta de Stonewall en Nova York; 1977, primeiro colectivo LGBT organizado en Galicia, a Fronte Galega de Liberación Homosexual; 1978, eliminación dos artigos que perseguían a homosexualidade dentro da Ley de peligrosidad y rehabilitación social; 1981, Vigo acolle a primeira Manifestación Galega do Orgullo; 1982, primeira Comisión de Lesbianas no Movemento Feminista organizado, a Asociación Galega da Muller (AGM); 1990, eliminación da homosexualidade da lista de Enfermidades Mentais por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS); 1999, primeiro debate sobre a realidade trans no Parlamento Galego; 2005, aprobación do matrimonio igualitario en España —o terceiro país a nivel mundial—; 2015, primeira persoa menor de idade que acada o cambio rexistral de identidade en Galicia...».

A programación cultural do Orgullo Pontevedra 2022, a cargo da asociación Avante LGBT+, desenvolverase ata o 2 xullo. Ademais dos pases incluídos dentro de Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, este luns programouse un taller Contos de Cores (19 horas) na Librería Seijas, actividade infantil para nenos de 4 a 10 anos a cargo de Alba Blanco, mentres que o martes a Librería Paz desenvolverase un club de lectura (18.30 horas) e a presentación do libro A defunción dos sexos: Disidentes sexuais na Galiza contemporánea (19.30 h.) coa participación da súa autora, Daniela Ferrández.

Contacontos diverso

Mentres que a programación do mércores xirará na súa totalidade en torno as propostas encadradas en Ambienta, o xoves o bar La Hormiga, no Campiño de Santa María, será escenario dun contacontos diverso (18 horas) coa participación de Mun Mitaka. Dúas horas máis tarde, a acción trasladarse ao Banco Trans ubicado nos Xardíns de Vicenti, na contorna das Palmeiras, onde se abordará a realidade trans na sociedade contemporánea, de tal xeito que na palestra está confirmada a presenza de Brais Papiri, Alicia Arruti e Nee Barros.

Xa o venres, 1 de xullo, e coincidindo coa clausura do festival Ambiente, o Concello de Pontevedra desenvolverá no Gastroespazo do Mercado de Abastos un faladoiro no que Hadrián Pernas analizará, a partires das oito da tarde, a cuestión da Saúde sexual. Desmontando mitos.

Neste punto, Yoya Blanco destacou que «ademais desta condición fortemente reivindicativa, o Orgullo pontevedrés manterá tamén a natureza festiva e cultural que caracteriza ao programa municipal Pinto e Maragota, cunha Festa do Orgullo que se celebrará no parque dos Gafos o sábado 2 de xullo e que dará comezo ás 13.30 horas cunha sesión vermú amenizada pola música de Llegamos Tarde DJ's». Acto seguido, ás 14.30 horas, arrancará o Xantar Colorido, no que haberá un posto de venda de comida e bebida, aínda que cada un poderá levar o seu xantar.

Ás 16 horas empezará a Sesión Tardeo con Ariezzz DJ e Meiga-i, ‘A Drag Pandereteira', un obradoiro drag con Chex Nova e un taller ‘Pinta e Colorea', no que poderán elaborarse as pancartas para a manifestación que sairá ás 20 horas do Provincial.. A festa continuará en sesión de noite ata a unha da madrugada con distintas actuacións.

Rober Amado

A Praza da Pedreira acolle por segundo ano consecutivo o festival Ambienta

Tras o éxito acadado na primeira edición de Ambienta, a Mostra internacional de cine LGBTIQA+ volve por segundo ano consecutivo a Pontevedra e o fai dun xeito reforzado. Deste xeito a programación impulsada dende a Concellaría de Festas desenvolverase entre o 27 de xuño e o 1 de xullo na praza da Pedreira.

Xa o ano pasado, a concelleira de Festas, Carme da Silva, mostrábase convencida de que esta iniciativa municipal era un proxecto que nacía «con vocación de continuidade» posto que era un festival único en Galicia. Neste eido, dende o Concello de Pontevedra recoñeceron que a convocatoria no espazo público, na praza da Pedreira, é unha decisión tomada a propósito para visibilizar a diversidade da nosa sociedade.

Nesta segunda edición contarase coa colaboración do Cineclube Pontevedra, a asociación Avante LGBT+, o FIB Bueu e a Cinemateca Pedro Zerolo. Dende a organización precisaron, por outra banda, que entre a atractiva programación dos cinco días do festival destaca o acto inaugural, no que se programou a estrea do videoclip Eduardita, producido por Laura Cadenas Amandi, Enzo Sarmiento e Éric Dopazo. Esta proxección será previa ao pase do filme A primeira morte, da brasileira Joana de Cristiane Oliveira, que se emitirá, ao igual que o resto de proxeccións desta cita audiovisual, ás 22.30 horas.

A programación terá continuidade o martes co filme Été, 85, do francése François Ozon, mentres que o mércores está previsto un encontro (21 horas) con Carla Antonelli, actriz, política e activista trans, así como impulsora de Triángulos rosas, «documental que narra a historia de tres mulleres trans residentes en Tenerife que loitaron durante décadas polos seus dereitos e por seren recoñecidas pola súa identidade real», engadiron dende o Concello. Este filme, dirixido por Borja Lynch, exhibirase ao rematar o encontro contando coa colaboración da Cinemateca Pedro Zerolo.

O 30 de xuño, a Praza da Pedreira acollerá a proxección dun clásico contemporáneo, Tokyo godfathers (Os padriños de Tokio), película de animación do ano 2003 dirixida por Satoshi Kon e Shôgo Furuya que relata como, na véspera de Nadal e despois de atopar a un bebé ente o lixo, tres persoas sen fogar deciden buscar aos pais do pequeno polas rúas da capital nipona.

A clausura

Pola súa banda o venres e como colofón ao festival, a partires das 21 horas, actuación musical de Palito DJ, que picará música de cine, unha cita que servirá de prólogo á emisión de cinco curtametraxes en colaboración co FICBueu: Ensom cowgirl (vaqueira solitaria), de Gina Kippenbroeck; Son of Sodom (Fillo de Sodoma), de Theo Montoya; Victoria, de Daniel Toledo; Dustin, de Naïla Guiguet; e Marlon Brando, de Vicent Tilanus.