Un paseo teatralizado pola historia de Vimianzo escrita en torno ao seu castelo
VEN A GALICIA
CRÓNICA | Subida á Cruz do Loureiro, un diálogo co tempo e co lugar na antesala do Asalto
27 jun 2022 . Actualizado a las 17:19 h.Dende a Praza Castelao, diante do mural pintado no seu día por Miguel Peralta, arrincou onte a ruta teatral á Cruz do Loureiro, diálogo co tempo e co lugar. Nese punto, atendendo á denominación do espazo, o docente e exalcalde Manuel Antelo repasou nomes e historia dos vimianceses que tiveron vínculo con Castelao: Evaristo Martelo, Alejandro Lema, Celso Collazo ou Perfecto López, O Tato de Valiña. A comitiva achegouse logo á Praza do Concello, erguida na Agra do Cárcere. Alí, Marta Miñones lembrou a loita do 96 para que Terra de Soneira non quedarse excluída da organización de comarcas da Xunta. Unha protesta impulsada por Moncho Gándara, con sustento en estudos de Xosé María Lema, Roberto Mouzo ou Evaristo Domínguez, que deu os seus froitos no 97. Daqueles feitos queda un mural xa pouco visible, representando o castelo, Vilán e a ponte de Brandomil, tríade soneirá.
Andando por un vello camiño que no seu día comunicou Vimianzo con Camariñas, a ruta, sempre guiada por Manuel Rial, chegou ao Pazo de Trasariz, onde interveu José Francisco Fernández Rial, un dos impulsores daquela Noite Folk que, na súa cuarta edición, pasaría a chamarse Asalto. Lembrou todo este xermolo —aquela primeira tomadura da fortaleza co liderado de Vicente de Souza—, e fíxoo apoiado polas palabras de Benxamín Queiro, entón presidente de Axvalso.
Dende Transariz ata o castelo, enfilaron os participantes as beiras do vello rego, limpas e remozadas, descubrindo así un refuxio natural que ben podería ser ruta en si mesma. A recepción teatralizada dunha fada e a lenda de Fernando de Xinzo, devoto da Virxe de Guadalupe salvado da soga por un raio que partiu a corda, amenizou esta parada antes de subir á Cruz do Loureiro. Fronte ás magnas vistas do val, un grupo de mozos representou alí o axustizamento dunha rebelde, feitos que a tradición oral sitúa neste lugar.
Ánxela García, Mario Roget, Lucía Roget, Paula Andújar, Guille del Moral, Íker Muíño, Míchel Antelo e Roque Cernadas, fichados pola docente Chus Barbeira, foron os encargados desta viaxe a outro tempo, como tamén fixo Alejandra Rama coa súa ofrenda floral ou a gaita de ton solemne tocada por Claudia Roget e Xoel Forján.
De volta ao castelo, o historiador Xosé María Lema detallou, entre outros moitos avatares, o enfrontamento entre os Moscoso e o Arzobispado; a destrución da fortaleza por parte dos irmandiños no 1467, a súa recuperación para a nobreza no 1472, a compra da fortaleza por Evaristo Martelo pai 400 anos despois... Tamén tempos máis contemporáneos, coma a toma simbólica do castelo en resposta ao golpe de Estado do 36, ou o tributo de Adiante Soneira, no 96, a todos aqueles que deron a súa vida pola liberdade.
O de onte foi, pois, un paseo pola historia de Vimianzo ligada á súa fortaleza, unha ruta con deseño e guión de Míchel Antelo que fixo máis amena a espera polo, por fin, 25.º Asalto.