Nin a chuvia puido co ímpeto festivo da Carballeira de Baio, de volta tras dous anos
VEN A GALICIA








































INCLÚE ÁLBUM DE FOTOS | Se sarna con gusto non pica, a auga tampouco molla se hai ganas de festa...
27 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Se sarna con gusto non pica, a auga tampouco molla se hai ganas de festa. As previsións non eran boas, e as chuvias intermitentes que houbo ao longo da mañá tampouco axudaron a que os indecisos agarrasen os bártulos para comer ao aire libre, pero o día clareou e na hora do vermú a carballeira baiesa xa presentaba unha imaxe moito máis animada.
Como cada último domingo de xuño —a excepción dos dous anos pandémicos— onte celebrouse a Festa da Carballeira de Baio. O formato foi semellante ao doutras edicións, pero non as cifras. A meteoroloxía fixo que o número de merendas campestres fose menor, pero foron moitos os que se sumaron aos festexos tralo xantar, atraídos pola música, o ambiente desenfadado e o atractivo de participar nunha celebración en tan espectacular paraxe.
Pero charlar, xantar e bailar nun escenario natural como o é a carballeira non debe facerse a calquera prezo e de calquera maneira, por iso ao longo da xornada pedíuselle aos asistentes que retirasen os vehículos do bosque (había aparcamentos en fincas contiguas), prohibíronse as fogueiras a ras de chan e dende a cantina empregáronse vasos reutilizables de plástico duro. O Concello de Zas foi dos primeiros en implantar esta medida, hai xa varios anos, co obxectivo de reducir a cantidade de lixo xerado durante as festas. Estes vasos, decorados con simpáticas caricaturas de Luis Davila e cun debuxo do Concello, custan un euro, que lle é reintegrado ao consumidor se o devolve.

Precaucións aparte, e pese a que a chuviosa mañá semellaba que non permitiría formar ascuas, o churrasco volveu ser o rei nesta xornada de merendas, na que tamén houbo tortillas, empanadas, croquetas ou doces. E, pese a que a maioría dos asistentes levaron a súa propia comida da casa ou preparárona in situ, tamén estivo presente unha pulpeira. Un trío, un dúo, unha charanga e as minifoliadas con Adro aportaron o entretemento musical a unha xornada festiva que arrancou xa na noite previa, cando moitos grupos de mozos, como xa é tradición, pasaron boa parte da noite na carballeira baiesa. Onte, pasadas algo das 23.00, a música seguía soando.