Patrocinado por

Viaxando na historia da música galega polas vilas do Camiño

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VEN A GALICIA

d. c.

Carlos Crespo leva a cabo sesións comentadas, que abarcan dende o primeiro éxito de Andrés do Barro ata grupos actuais

27 jun 2022 . Actualizado a las 22:19 h.

Os peregrinos marchan de Galicia coñecendo a nosa gastronomía, a cultura e a paisaxe pero sen ningunha bagaxe musical da terra. Isto foi o que impulsou o ano pasado a Carlos Crespo a iniciar un percorido polas Rutas Xacobeas para dar a coñecer a historia e a música galega coa súa furgoneta vintage «Duendeneta».

A iniciativa, posta en marcha dentro da programación do Xacobeo en colaboración coa Fundación La Caixa, volve chegar a pobos e vilas -o domingo estivo en Silleda, e onte mesmo na Praza da Igrexa en Lalín- «para ensinar aos peregrinos, se os hai nese momento, e ao público en xeral o que se fai e todo o que se fixo no eido da música galega que foi moito pero non se coñece», explicou Carlos Crespo.

O percorrido de Os Camiños das músicas galegas, que así se chama esta iniciativa, comeza co recoñecido cantante Andrés do Barro no ano 1969; «un momento determinante na nosa historia musical xa que foi a primeira vez que unha canción galega foi número un en España. En cincuenta anos nunca tivemos outra, non sei se Tanxugueiras o conseguirán algún día... Andrés do Barro foi unha icona pop e se vivise sería hoxe un ídolo», matizou Crespo. Camiños musicais que se adentraron posteriormente en formacións dos anos 80 e 90 ata a actualidade; a razón de pequenas pezas musicais. «Comprobamos que existe un maior coñecemento de cancións dos anos 60 e 70, pero por parte desa xeración que medrou coa nova canción galega, pero que á mocidade en xeral impórtalle pouco a música en galego.

Os peregrinos polo tanto só escoitan, se hai sorte, «A muiñeira de Chantada» nunha tenda de recordos e os novos non saben quenes foron Fuxan os Ventos, por exemplo. Agora que xurdiu o fenómeno Tanxugueiras semella que lles soan pero pouco máis. É unha mágoa que non haxa interese polo noso», sentencia Carlos Crespo.

Por iso naceron Os Camiños das músicas galegas para espertar o interese entre os mozos do tremendo descoñecemento que teñen do que se fai na música en Galicia, «que normalmente se saben dalgún autor galego é dun que canta en castelán», e aos de máis idade permítelles retroceder no tempo con temas de Xil Ríos, Treixadura, Mercedes Peón, Os Diplomáticos ou Batallán.