Patrocinado por

Moito máis que artesanía en Outeiro de Rei

PAULA ÁLVAREZ / U. C. OUTEIRO DE REI / LA VOZ

VEN A GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

A XIV Feira da Artesanía conta con múltiples actividades, talleres e obradoiros para todos os públicos

03 jul 2022 . Actualizado a las 11:41 h.

Talleres de barro, maxia, concentración de coches clásicos, exhibición de tiro con arco, paseos en kaiak polo río Miño e outras moitas actividades son protagonistas na XIV Feira da Artesanía de Outeiro de Rei este sábado. Unha feira que, despois dun par de anos sen celebrarse, volve reunir o mesmo número de participantes e postos de exposición (65 de artesanía e 17 de alimentación) que están abertos ata as nove da noite.

A xornada comezou coa primeira andaina solidaria do Concello e segue apostando por iniciativas doutros anos coma, por exemplo, a instalación dun punto de adopción canina a cargo da empresa Garatuxa ou o II Campionato de Escultores con Motoserra. No caso deste último, a inscrición foi gratuíta, podendo participar todas as persoas, aficionadas e profesionais, maiores de idade e con manexo da motoserra ata un límite de sete prazas.

Toda a feira se desenvolve entre o núcleo urbano da vila e o campo de Santa Isabel e a organización está en mans do Concello de Outeiro de Rei. Este pretende «impulsar e dar a coñecer o traballo do sector artesanal promocionando paralelamente a artesanía local e a dinamización económica e turística do municipio». Así mesmo, animan ao público a visitar unha feira onde poderán atopar «gran variedade e exclusividade de produtos». Ademais, reparten sen custo económico cadernos conmemorativos personalizables a cargo da empresa Laser Lucus durante toda a xornada ata esgotar existencias. O único requisito para conseguilo é saber responder correctamente a unha pregunta sobre este concello no que se celebra a feira. 

Sorteo de premios

Ao igual que nas pasadas edicións, o Concello organiza un sorteo dun total de 20 premios, dotados cada un deles con 50 euros e os participantes son os propios clientes, dado que os propietarios dos establecementos reparten rifas con cada compra realizada nos seus postos.

Esta iniciativa desenvolveuse as 21:30 horas e, en palabras dos organizadores, está pensada para «animar a xente a que veña a coñecer este evento premiando a realización das compras en calquera posto». Posteriormente, unha sesión de fogos de artificio pechou a feira. 

Demostracións en vivo de oficios tradicionais

Oficios con tantos anos de historia coma o das tecedeiras, cesteiros ou ferreiros son tamén representados nesta feira. Están presentes as olarías de tradición de Sober e Buño e asociacións coma Bolboretas Fiandeiras ou Corazóns Artesáns encargadas de mostrar labores tradicionais coma o fiado de lá.

ALBERTO LÓPEZ

Mulleres coma Pili Domínguez, que tecía lá nunha roca de pé de fai 200 anos, permitía aos asistentes coñecer de préto en que consiste un oficio tan esquecido coma o de tecedeira. Esquecido para algúns, pois ela acórdase despois de 40 anos sen tocarlle porque, segundo explica, «o que se aprende nunca se olvida».

Tamén na mesma feira, a Asociación Corazóns Artesáns participou na demostración en vivo dos oficios tradicionais. Neste grupo predominan as mulleres, pero tamén o estudante Jacobo Álvarez, residente en A Coruña, colabora con elas. Busca os materiais, traballaos e elabora cestos. E faino guiado polo interese que dende sempre espertaron nel este tipo de obxectos tradicionais. «Gústame dicir esto fíxeno eu dende o primeiro momento, que estaba no monte, ata agora», confesa.

Ademais do traballo con madeira e teas, tamén na feira houbo cabida para o ferro. Os Ferreiros de Mazonovo, que traballan nun mazo do século XVIII (son os únicos da Península Ibérica que o fan desta maneira), habilitaron un posto para que os visitantes elaboren o seu propio cravo de ferro e coñezan o proceso de transformación deste material. Eles confesan que o obxectivo non é «traer as cousas xa rematadas, senón ensinar e visibilizar este oficio».