«O recuncho cativo», gastronomía e moita música a vindeira fin de semana no Festival Xironsa
VEN A GALICIA
A entidade programou tres días de actividades na praza da Seca de Corvillón
02 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A vixésima segunda edición do Festival Xironsa chega con moitas novidades e con gañas de volver encher de actividade lúdica e cultural a praza de Seca de Corvillón (Cambados) logo do silencio obrigado pola pandemia. Serán tres días, 8, 9, e 10 de xullo, no que non haberá tempo para aburrirse. A música é un dos pratos fortes do programa con concertos de balde. O cartel o abrirán o venres Oîma, Sondeseu, Louband e Señora DJ; o sábado actuarán Mecos de OGrobe, Chaveta, Xironsa, Xurxo Fernandes, Pauliña, Pajarito, La Quinkillada e Señora e Señor DJ; o domingo subiranse ao escenario Volandeira, Boudebou, Faíscas da Pontraga, Peter Punk, Onte e Hoxe, Circo Chosco e Treixadura.
Repítense clásicos como a zona de acampada, a feira de artesáns e actividades para os nenos, que este ano terán o seu propio espazo, «O recuncho cativo». Alí realizaranse as actuacións habituais de clown e circo, haberá talleres de instrumentos tradicionais, chapas e xogos tradicionais. A segunda novidade nesta edición pasa por darlle máis presenza á gastronomía, habilitando unha zona de mesas que estará aberta os tres días. Nesta mesma zona levarase a cabo o sábado ao mediodía unha degustación de produtos do mar organizada en colaboración co Concello dentro dos actos conmemorativos dos 400 anos do Muíño da Seca. Haberá xarda, sardiñas, mexillóns, volandeiras e tostas elaboradas por Álvaro, cociñeiro de A lume lento eventos.
Xironsa tamén decidiu abrir una fiestra ás artes plásticas mediante a convocatoria do primeiro Certame de Pintura Rápida. Celebrarase o día 9 e hai dous premios de 400 e 200 euros.
Este festival declárase a partir deste ano «amigo dos cans», de xeito que as mascotas van ser ben recibidas no recinto, e contará tamén coa caravana morada, un punto de información contra as condutas violentas e sexistas.