Fátima Cachafeiro, responsable da mancomunidade Barbanza Arousa: «Cando o descobren, este destino gusta, pero falta chegar ás canles de comercialización»
VEN A GALICIA
Destaca o Camiño A Orixe como o produto que precisaba a comarca para despegar
03 jul 2022 . Actualizado a las 05:10 h.Leva dous anos á fronte da mancomunidade Barbanza Arousa. Aínda que foi un período marcado pola pandemia, Fátima Cachafeiro (Forcarei, 1984) e o seu equipo traballaron arreo para aproveitar as novas posibilidades que abría a procura, por parte dos turistas, de destinos pouco masificados e con predominio dos espazos naturais. A súa chegada tamén coincidiu coa aparición dun novo produto chamado a converterse nun dos principais focos de atracción de visitantes, o Camiño A Orixe.
—Que balance fai destes dous anos na xerencia da mancomunidade Barbanza Arousa?
—Cando cheguei sabía que era un territorio cun gran potencial e non me equivoquei. É un destino emerxente que ten moitas posibilidades de desenvolvemento. Incluso me levei unha sorpresa pola facilidade para traballar, tanto cos catro concellos que integran a mancomunidade como co sector privado, que é imaxinativo e achega moitas ideas.
—Que destacaría de todo o traballo realizado neste tempo?
—Primeiro, esa liña de cooperación que conseguimos establecer entre o sector público e o privado. Foi un dos obxectivos que nos marcamos e está a dar grandes froitos, como as rutas de tapas e de conservas. Tamén puxemos en marcha o festival Paisaxes Sonoras en plena pandemia e foi un éxito pese ás restricións. Logo destacaría o esforzo feito na parte de comercialización, pois desde o principio detectamos que era preciso traballar nesta liña. Apostamos pola creación de paquetes turísticos e os 40 previstos inicialmente foron 65 grazas á implicación dos empresarios.
—Eses paquetes son unha das grandes apostas, como están funcionando?
—Os paquetes foron presentados en Bilbao, Valladolid, Oporto e Madrid, onde constatamos que somos un territorio emerxente cun gran potencial, pois as axencias de viaxes coas que contactamos, máis de 150, quedaron sorprendidas co destino. Asegurámonos de lanzar a oferta para distintos segmentos: familias, parellas e pequenos grupos.
—Cales son as potencialidades de Barbanza Arousa?
—Por un lado, o feito de ser un destino que aínda non está masificado e, por outro, a dualidade entre a serra e o mar, porque é un elemento que nos permite marcar a diferenza. Despois temos a parte da enogastronomía, co porto de baixura máis importante de Europa en Ribeira, un referente na descarga de túnidos na Pobra e unha comarca que é unha das principais produtoras de conservas. A iso hai que engadirlle os viños da IXP Terra de Barbanza e Iria. Esas potencialidades complétanse coa parte cultural, na que destaca o Camiño A Orixe, e co patrimonio, tanto material como inmaterial.
—Con tantos recursos, por que semella que non acaba de arrancar este destino?
—A nivel turístico hai moita oferta e, desde o auxe de internet, moita competencia entre os destinos, polo que é difícil posicionarse. Coas accións que temos en marcha e a proxección nos mercados potenciais esperamos conseguir bos resultados. Sabemos que cando o descobren, este destino gusta, pero falta chegar ás canles de comercialización.
—Está chamado o Camiño A Orixe a ser un dos principais motores turísticos do destino?
—Si, agora que se rematou a súa sinalización e que foi incluído neses paquetes turísticos que estamos a promover, podemos dicir que o Camiño A Orixe xa é un motor principal do turismo na comarca. Estamos comprobando que xa xera interese e mesmo empeza a haber demanda que se traduce en visitas. Este destino é o único que permite obter a compostela mediante un percorrido por terra e outro por mar, algo que temos que empregar para atraer peregrinos. Hai que ter en contar que vimos dun período de pandemia no que custaba máis xerar ese fluxo de visitantes, por iso agora, trala volta á normalidade, decidimos incidir na comercialización, o que nos permitirá dar o salto.
«Hai interese por abrir negocios no territorio, un indicador de que o turismo está despuntando»
Tendo en conta a demanda que rexistrou Barbanza os dous últimos anos, Fátima Cachafeiro augura un verán con boa afluencia de turistas. Pero ela traballa en proxectos ambiciosos para desenvolver a medio prazo.
—Pensa que a pandemia beneficiou ao territorio a nivel turístico?
—Si, porque este é un destino que non está masificado, o que levou a moita xente a que se lanzara a coñecelo. Unha das nosas vantaxes é que temos unha alta porcentaxe de fidelización, máis do 90 % da xente que nos coñece, repite.
—Este verán, coa volta á normalidade, espérase unha avalancha de visitantes?
—Empezouse a notar un auxe importante nas pontes de inverno, cando o sector hostaleiro roldou o 70 % de ocupación e o turismo rural estivo preto do cheo. Tamén hai unha demanda elevada de zonas de acampada e de vivenda turística.
—Con respecto ao auxe das vivendas turísticas, habería que pensar na regularización?
—Neste momento somos un territorio que non ofrece moitas prazas de aloxamento e a vivenda turística axuda a suplir esas carencias.
—Falta entón infraestrutura hoteleira?
—Si, mais é certo que se está detectando que hai interese por abrir negocios no territorio, un indicador de que o turismo está despuntando.
—Cales son os proxectos que se marca Barbanza Arousa?
—Estamos traballando na homologación de catro rutas de sendeirismo, porque esa dualidade que existe entre o mar e a serre ten que se un dos sinais de identidade do territorio. Tamén queremos darlle un pulo forte ao enoturismo e temos solicitado fondos Next Generation para un ambicioso proxecto, enfocado á posta en valor dos produtos locais, incluíndo visitas a conserveiras e a posta en valor do barrio dos cataláns pobrense. Sería un gran revulsivo para a zona.