Patrocinado por

Unha lauda sepulcral en Anzo

daniel gonzález alén LALÍN

VEN A GALICIA

Daniel González Alén

A peza medieval, ben labrada, está no valado da capela do lugar do Cruceiro

03 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Chantada no muro que rodea a capela das Mercedes, no lugar do Cruceiro da parroquia lalinense de Anzo, atópase unha interesante lauda dun sepulcro medieval de procedencia incerta, pertencente a un personaxe que debeu ser importante no seu tempo e que presenta unha extensa e ben labrada inscrición que tiñamos pendente de interpretar. A curiosa e antiga lápida sepulcral serviu de mesa do altar na capela, de onde foi parar a casa dun veciño, para finalmente rematar no actual emprazamento. Logo de apelar a expertos amigos e colaboradores e buscar nos vellos libros e documentos, demos coa información precisa no libro Santuarios Gallegos: El Corpiño, que no ano 1929 publicara o historiador, mestre e pedagogo, Ramón Salgado Toimil. O erudito lucense, ao tratar da capela do Cruceiro e a súa relación célebre santuario do Corpiño, dá conta dunha «piedra tumular que se hallaba cubriendo la mesa del altar de la anterior capilla de las Mercedes del mismo Anzo», que

describe con certo detalle: «Tiene esta piedra tumular una inscrición en latín, con abreviaturas y caracteres correspondientes a la época, que, entre otras cosas dice: Aquí descansa el fámulo de Dios Senorino, presbítero y confesor penitente, que murió el día

cuatro de las nonas de Mayo, era milésima cuadragésima cuarta. Pertenece por tanto, ésta lápida sepulcral al año 1006».

Salgado Toimil, dá conta tamén da tradición oral que situaba na Serra do Carrio un antigo mosteiro que foi trasladado a San Martiño do Ermo, preto do río Deza, que tivo igrexa e enterramentos, ou poida que no lindeiro das parroquias de Busto e Losón, onde tamén construíron a Presa da Auga cun manancial procedente do Carrio. A mesma tradición e numerosos achados sitúan nos agros do Sisto outra residencia monacal, coa advocación de Santa Engracia, que foi derrubada para construír a igrexa románica de Anzo que, con reformas, chega aos nosos días. Nos arredores fican varios sartegos, como os tres que localizamos no lugar do Sisto: na casa de Noguerol, na do Panadeiro e a na fonte que hai ao pé do camiño que vai ao Corpiño, que xa publicamos neste xornal tempo atrás. (https://www.lavozdegalicia.es/.../0003_201907D11C4991.htm...).

Da lauda sepulcral da capela do Cruceiro xa nos dera conta hai anos o informante Pablo Baldonedo, quen tamén nos informou que un cura da casa dos Canuto de Madriñán andara hai décadas estudando os sartegos de Anzo. Para a interpretación do que tiña

gravado, requirimos a axuda do amigo e colaborador Pablo Sanmartín, quen á vista dunha foto que lle mandamos deu unha primeira impresión do contido da lauda funeraria: «Semella que fai mención a un sacerdote de nome Macías, precedida dun crismón de brazos entrelazados en T. O campo epigráfico está enmarcado por un trazo perimetral e dividido en seis rexistros separados por trazos horizontais. A característica máis salientable é a interpunción ou separación entre palabras, mediante tres puntos verticais, que leva a pensar que se trate dunha lauda do século XII ou XIII, quedando expensas dun mais pormenorizado análise». Recentemente o prezado Álex Negreira fíxonos unha fotogrametría da inscrición tentando ver con máis detalle a inscrición.

Un capitel noutro valado

Hai pouco, o cura-reitor do Corpiño, José Criado, que leva esta parroquia de Anzo xunto con outras da contorna, mandounos aviso do achado do que semella un capitel ou parte dunha columna, que estaba chantado no valado do camposanto da igrexa parroquial. Debeu formar parte da antiga porta principal da igrexa románica e foi parar ao muro cando se fixo a actual fachada barroca, mentres que outras ben labradas pedras como un crismón, unha doela e varios canzorros, quedaron incrustados no interior da fachada como xa temos publicado. (https://www.lavozdegalicia.es/.../0003_201908D11C4993.htm...).

Esa vella pedra labrada gárdase agora nun cuberto próximo á igrexa e non se desbota que aparezan outros restos das primitivas construcións relixiosas que existiron nesta parroquia, na que tamén temos en estudo e interpretación senllas inscricións na fachada da igrexa e na coñecida casa de Moure, das que habemos achegar os resultados a non moito tardar.