Patrocinado por

«O mar nunha flor» volve encher de música, animación e teatro A Illa

Sandra Rey, B. C. A ILLA DE AROUSA

VEN A GALICIA

MONICA IRAGO

O espectáculo «CoraSóns» reunirá o día 16 a músicos de Portugal e Galicia

11 jul 2022 . Actualizado a las 17:55 h.

Tras dous anos de pandemia, A Illa de Arousa recupera un dos seus ciclos culturais de verán, «O mar nunha flor», cun repertorio de actividades musicais, teatrais e de animación aptas para todos os públicos. O programa terá lugar dende o martes 12 de xullo ata o mércores 20. A maioría dos eventos serán de entrada gratuíta, mais nalgún como «Impro chou, humor a tope», «A Pedreira» e «CoraSóns» haberá un prezo de entrada de dez ou quince euros e poderanse adquirir de maneira anticipada ou no lugar onde se celebrará cada evento.

A programación comezará o martes ás nove da noite coa proxección do documental «Acorda» no auditorio municipal, unha cartografía musical da memoria histórica da provincia de Pontevedra.

A organización do programa cultural conta co actor Carlos Blanco, quen participará o día seguinte no espectáculo «Impro chou, humor a tope» xunto co actor e comediante Oswaldo Digón e a actriz Lucía Veiga («Vivir sin permiso», «Serramoura»), entre outros. Todos eles realizarán un show de improvisación no que o público propoñerá os temas e a partir de aí os actores crearán as súas personaxes.

Para os amantes da música tradicional, o sábado 16 terá lugar no auditorio unha reunión sobre un proxecto musical orixinario da Arousa, «CoraSóns», que reunirá a músicos de Portugal e Galicia con intérpretes como Magín Blanco, Pablo Vidal, Norton Daiello ou Rui David. Nesta edición fíxose especial fincapé na oferta infantil, que constará de catro espectáculos que se farán no xardín de Goday: o venres 15 haberá un espectáculo de monicreques: «A viaxe de Rosalía», da man de Larraitz Urruzola; o luns 18 haberá un evento musical por parte de Xoan Curiel, «A Banda do Verán»; o martes 19, «A vida tola de Pajarito», un festival de animación con pallasos; e o mércores 20 estarán María Faltri e Jorge Juncal con «O Picadiscos», un popurrí de cancións infantís tradicionais galegas.

Ademais, durante os días que dure o programa elaborado polo Concello haberá a oportunidade de desfrutar no auditorio dunha exposición colectiva realizada por Ruth Vidal, Adriana Cores e Xurxo Romero.