O programa pioneiro da Deputación abriuse en Cortegada
06 jul 2022 . Actualizado a las 21:15 h.O programa Mulleres Extramuros, que vén de lanzar a Deputación por vez primeira, para encher de arte o rural pontevedrés; e que se está levando a cabo de xeito piloto na parroquia silledense de Cortegada acaba de dar un pasiño máis ao comezar a visualizarse as primeiras creacións das artistas implicadas no proxecto.
A iniciativa de intervención artística no rural comezou cunha primeira etapa de investigación e convivencia das artistas participantes: Lula Goce, Tamara Alves, Basilisa Fiestras, Virginia Bersabé, Laura Iturralde, Ness Morais e Xoana Almar coas mulleres da aldea, con quenes intercambiaron experiencias e historias de vida que serviron de inspiración ás integrantes do proxecto á hora de plasmar as súas futuras intervencións. As vivencias experimentadas en Cortegada, as horas de fala coas mulleres do lugar e as conversas tranquilas das últimas semanas comezan a coller cor e xa se visualizan pola aldea. Así Xoana Almar, de Cestola na Cachola, ten xa iniciado o traballo mentres que Lula Goce estea en pleno proceso, desenvolvendo o seu mural na fachada lateral dunha vivenda.
Pola súa banda Tamara Alves, Basilisa Fiestras, Virginia Bersabé, Laura Iturralde e Ness Morais teñen previsto iniciar nos vindeiros días as súas pezas na aldea. O s16 de xullo terá lugar a xornada de peche deste programa, á que está previsto asista a presidenta da Deputación, Carmela Silva, as artistas e toda a veciñanza de Cortegada que se implicou neste novidoso proxecto. Unha xornada na que se poderán ver xa todas as intervencións artísticas rematadas, dentro dun programa que se pretende manter no tempo e co que se busca tamén loitar contra o despoboamento cultivando procesos creativos participativos que leven a repensar o espazo público.