O peregrino relata a riqueza patrimonial e humana do percorrido
07 jul 2022 . Actualizado a las 11:04 h.A luz sobre Muros prometía un día feliz. A colexiata de Santa María, estilo gótico mariñeiro, está aberta de par en par. Logo de pasar a pía da serpe, única en Occidente, entra polos ollos a bóveda que semella a quilla dun barco. Montse afánase en atender a peregrinos e turistas. Mercamos uns colgantes e a simpática guía fainos unha foto fóra mentres nos indica o Camiño de Santiago Ría de Muros-Noia. O rueiro vello presenta moitas casas rehabilitadas en pedra do país. O mercado é unha curiosa construción con escalinata. A xente saúda e axuda a orientarnos. Lástima que a igrexa da Virxe do Camiño estea pechada. Ademais dese nome tan católico como evocador, o santuario complétase cunha reitoral adosada e un cruceiro. O sol bate con forza na auga, o exceso de estrada cansa aos camiñantes e as mellores vistas están por chegar desde o monte. A ruta, marcada con frechas marelas sobre un cadrado azul escuro, está ben sinalizada. A subida ao lugar do Cruceiro é empinada e o último tramo vas a carón dun paramento que acaba sendo o peche do cemiterio parroquial de Abelleira, onde morren os nichos. Pasado o susto e tras coller alento, un campanario exento dá a benvida aos vivos. Atrás vai quedando o cabo de Louro entre núcleos rurais en pendente, onde conviven arquitecturas vellas e restauradas. A praza, o adro e a igrexa de Santiago de Tal reciben aos peregrinos na súa baixada a Esteiro, que xa é hora de xantar e rematar. No Plácido, logo de cruzar a ponte, sérvennos unha proteínica comida Domingo e Ivette.
Quince días máis tarde o sábado preséntase cuberto e bochornoso. O gaiteiro Xeromo non está hoxe desfilando pola praia de Parameán. Na terraza do Rodrigo almorzamos zume, café, churros e cruasán para encarar con ánimo o camiño de Esteiro á Serra de Outes. Logo de ir á beira do río canalizado e pasar o campo de fútbol, a senda cóllese á dereita. Será unha etapa de ascensos entre carballos, valados, castiñeiros e fieitos, con algunha casa escondida en plena foresta, iso si, vida a menos e sen habitar. A Juan encántalle o ruído da auga que baixa polos regatos. Abraiante é a panorámica do mar do Freixo á altura das Estivadas, onde Marimena nos dá algo de charla. Paga a pena tamén a igrexa de San Xoán de Sabardes. Que riqueza de topónimos! Braño revélase como unha prolongada aldea con moitas casas rehabilitadas e veciñas conversando na rúa. Mercedes láiase de que o paso estea bastante tupido, algo que o Concello debería arranxar segundo coincidimos. Máis adiante tamén se chega a un sitio onde as frechas están borradas e o paso do regueiro é un calvario, que sorteamos perigosamente apoiándonos sobre as pedras molladas non firmes. De volta á estrada xeral, á altura da rotonda, sálvase a variante por abaixo para, de contado, chegar ao Cruceiro de Roo. No Alfil sentamos a tomar un refresco e falar coa xente. Lino, un xubilado da mercante, conta que o establecemento de enfronte pechou haberá unha ducia de anos. Brasil era un local de vodas e discoteca, así chamado porque os pais dos herdeiros ?el xa morreu, pero vive súa irmá? emigraran ao país carioca. O informante conserva intactas as características fonéticas do galego desta zona: gheada e seseo. Ata á Serra faltan quince, trinta ou cincuenta minutos, segundo a quen lle preguntes. O curioso é que canto máis andamos, máis queda. Outro sinal de identidade tan noso. Acabo pensando que cando subo, quizais baixe. Será o cansazo. Agora si que nos deixamos caer por Cambeiro de Abaixo, onde un home sementa millo en gran para distraer os paxaros e que non lle coman o que xa naceu na planta.
Entrando na Serra unha nai empurra na randeeira a seu fillo Xoel, o único neno que vimos neste itinerario. Diante da casa consistorial de Outes, rotulada co ano 1929, cóllenos Antonio O Campaneiro, apelativo herdado do seu avó. É de San Campio, lugar da popular romaría onde se vai quitar o mal cativo, previa xenerosa doazón. O taxista déixanos en Esteiro coas endorfinas subidas, logo do correspondente óbolo. Así que benzón!