Patrocinado por

Unha coprodución internacional do CDG ofrece unha lectura actual de «Tartufo»

LEILA FERNÁNDEZ / I. C. SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Neste proxecto participan catro compañías públicas e catro centros de ensino de Galicia, Francia e Portugal

07 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O clásico da literatura Tartufo vese renovado da man de Tónan Quito, o director da obra que chega hoxe ao Salón Teatro de Santiago, con só transformar un dos personaxes: Valerio pasa a ser Valeria. O casamento entre Mariana e Valeria fai deste o primeiro espectáculo de Tartufo LGTBIQ+, en consonancia co avance dos tempos. A intención principal de Tónan Quito non era innovar, xurdiu por unha cuestión técnica: «Eu quería personaxes para catro mulleres e só tiña para tres, cambieino para que tiveran todas o mesmo protagonismo», confesa o director da obra.

A adaptación do texto clásico de Molière critica a hipocrisía da sociedade do seu tempo, a través da historia dunha familia de clase alta que se ve inmersa no caos cando un falso devoto de nome Tartufo entra no seu fogar. O conservadurismo, as ansias de liberdade dos máis novos e a manipulación son os grandes temas da peza. Á hora de trasladala á actualidade a temática segue a estar presente segundo Tónan Quito, de aí que se escollera esta obra para ser o terceiro espectáculo coproducido polo Centro Dramático Galego, baixo o abeiro internacional do Proxecto NÓS/NOUS, en colaboración con catro compañías públicas e catro centros de ensino de Francia, Portugal e Galicia.

A obra en Galicia vai ser representada co texto orixinal en francés en verso rimado con subtítulos da tradución ao galego e en prosa de Loli Ramos Duarte. Grazas ao financiamento procedente do programa europeo Erasmus+K2, o proxecto preséntase como un escenario de creación escénica e de intercambio que promove a profesionalización e internacionalización de estudantes no treito final do seu período académico poñéndoos en contacto directo con figuras consolidadas do sector teatral.

«Esta iniciativa permite traballar con institucións internacionais de primeiro nivel e á vez é un proxecto pedagóxico para o alumnado que comeza no mundo do teatro», asegura Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego. O equipo artístico e o elenco de Tartufo formado por Bernardo Santo Tirso, Carlos Correia, Carolina Parreira, Haithouni Hamada, João Maria Fialho, Romane Buunk, Marcos Fernández e Yaiza Portela son alumnos de diversas escolas teatrais que van ter o seu primeiro contacto co traballo actoral. A Escuela Superior de Arte Dramático de Galicia (ESAD), un dos colaboradores do Proxecto NÓS/NOUS, aportou catro dos seus alumnos á función: Marcos Fernández e Yaiza Portela en calidade de actores e María Torres Piñeiro e Diego Chamizo Mora como corresponsable de escenografía e asistente de dirección, respectivamente. Roberto Relova, o director da ESAD, asegura que está é unha oportunidade enorme para eles de coñecer e traballar con directores e espazos de renome, e o alto índice de participación nas probas de selección pon de manifesto a ilusión dos rapaces por esta iniciativa. «Trátaselles como a calquera profesional, coas súas responsabilidades e esixencias, e a cambio están demostrando entrega e sacrificio», apunta Relova.

Tónan Quito asegura que traballar con novos artistas en lugar de con equipos veteranos non supón un atranco, todo o contrario, pois aportan frescura e novidade. O que si complica o traballo diario é a internacionalidade do proxecto, que obriga a manexar os tres idiomas nativos dos integrantes do equipo: francés, galego e portugués. Quito admite que en ocasións empregan o inglés para entenderse entre todos, mais prefire dar indicacións nos respectivos idiomas para evitar confusións e asegurar a precisión.

Hoxe, mañá e o sábado, ás 20.30, será a única parada do espectáculo en Galicia, que previamente recalou en Lisboa e Porto con éxito entre o público. O director de Tartufo admite que está expectante por ver a acollida do público galego da súa obra, á que se pode acceder de balde ata o sábado, previa retirada de entradas no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes de cada función.