Patrocinado por

As sardiñas volverán dar sabor ao ambicioso cartel de Revenidas

Rosa Estévez
r. estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VEN A GALICIA

OSCAR VIFER

O festival que se desenvolverá en Vilaxoán en setembro contará con Tanxugueiras, Baiuca e un número crecente de artistas

13 jul 2022 . Actualizado a las 00:36 h.

A sardiñada popular foi sempre o vínculo que uniu ao festival Revenidas coa tradición de Vilaxoán. Por culpa do covid-19, este evento gastronómico foi unha das vítimas dos recortes que padeceu o programa desta gran cita musical, que cada mes de setembro anima as rúas vilaxoanesas. Este ano, na que promete ser a súa edición «máis ambiciosa», a organización de Revenidas pode, por fin, anunciar que a sardiñada está de volta. Será o domingo, día 11, no parque de Dona Concha. Ese mesmo día, nese entorno ateigado de xente, vanse celebrar tamén «varios concertos e actuacións musicais, aínda pendentes de anunciar, que serán de balde e con entrada libre».

Non son estas as únicas actuacións que agardan a hora de ser promocionadas. Faltan por saber, por exemplo, os pormenores do programa de concertos que se desenvolverán a bordo dun barco tradicional, ou os participantes na gala solidaria de circo, ou os guías dos roteiros que se farán pola vila. Pero, vistos os nomes que xa se coñecen, todo apunta a que o festival deste ano vai pagar a pena: de momento, hai xa máis de vinte grupos confirmados.

As últimas incorporacións á nómina de artistas son Boyanka Kostova, Boikot, Gatibu, Ketekalles, A Banda da Loba, SonDaRúa e Braztantifa. Súmanse todos estes nomes a un cartel que encabeza Tanxugueiras, que compartirán co público das Revenidas o recoñecemento acadado este ano, e Baiuca, «dous referentes que están a difundir a música galega de raíz, pertinentemente contemporaneizada, fóra das nosas fronteiras», que a actuarán o sábado 10. Canda eles, no cartel están La Pegatina, Zoo, Dubioza Kolektiv, SFDK, Ladilla Rusa, Lendakaris Muertos, Laura Lamontagne e Poicamperio, Talco, Moscow Death Brigade e Suu. Como xa quedou dito, a esta xa longa nómina de grupos aínda quedan outros por incorporarse «ao longo deste mes de xullo».

O que xa sabemos é que, ademáis de todos estes concertos, Revenidas contará o xoves, o venres e o sábado con sesións da Duendeneta. «A discoteca móbil vintage máis famosa de Galicia conmemora este ano o seu décimo aniversario, e que mellor que celebralo nun festival ao que leva asociada case dende os seus comezos», din dende a organización. Carlos Crespo e Kris DJ ofrecerán varias sesións en distintos horarios, nas que a música en galego e a música feita por mulleres serán as protagonistas.

Quen queira gozar de todo o festival pode mercar abonos, a un prezo de 51 euros. E dende onte mesmo, están á venda as entradas por días, que se poden atopar en www.revenidas.com.