Para asegurar a comodidade dos comensais aumentarase espazo
07 jul 2022 . Actualizado a las 21:18 h.As Festas de Verán de Silleda, que comezaron onte e terán continuidade ata o domingo, chegan a esta xornada de festivo local no municipio no que a Festa do Lacón protagonizará parte da actividade; cunha degustación ao mediodía e unha cea multitudinaria dende as 22 horas.
O evento gastronómico organizado pola Asociación Cultural O Lacón, que preside Luis González, acadará nesta vixésima segunda edición todos os récords de participación: 1.400 comensais, trinta lacóns máis que na última edición que se celebrou no 2019 e que se retoma agora despois da pandemia. Os comensais que poden escoller entre lacón cocido ou asado, tamén encargaron nesta ocasión máis asados: 175 fronte aos 140 do último ano de festa. «Temos moitas ganas de disfrutar e vese claramente nos datos deste ano en que superamos as cifras das anteriores edicións, e iso fixo necesario aumentar un trozo máis de carpa para que todo o mundo estea cómodo», apuntou González.
Una festa gastronómica na que veciños, peñas e amigos voltarán a xuntarse, pero á que tamén asistirán os músicos da Banda de Getafe (Madrid) que ofrecerán un concerto mañá sábado xunto á Banda de Silleda na praza Siñor Afranio ás 20 horas, «e tamén estamos moi orgullosos de que a xuventude instale a súa propia mesa para acompañarnos na festa», dixo. A subida de prezos obrigou aos organizadores a aumentar en 5 euros o lote para cinco persoas; polo que por 65 euros inclúese o lacón asado ou cocido, pan, unha botella de viño Mencía, queixo, marmelo, un bolo de rosquillas e café. «Nós só queremos facer unha boa festa, promocionar o porcino que é o motor económico do municipio, xa que isto non é para nós un negocio», explicou González. Por outra banda como vén sendo tradicional a asociación ofrecerá unha degustación de lacón como aperitivo á cea. Será a partir das 13.30 horas na praza, «e está pensada para os veciños, para que veñan a tomarse un petisco de lacón, pero tamén para os peregrinos que se encontren polo pobo». Para amenizar o mediodía está a Lou Band, que ofrecerá o seu espectáculo musical itinerante.
Festexos silledenses que terán ao mediodía o chupinazo oficial de comezo da festa dende a praza Juan Salgueiro, e a continuación pasarrúas do grupo Airiños do Trasdeza do Colexio María Inmaculada da localidade. Pola tarde, na praza Siñor Afranio, a compañía Ouviravai representará o espectáculo infantil musical A teacher Lu, e exhibición de esgrima en Cartaxena. A Banda Xuvenil de Silleda actuará na praza Juan Salgueiro, dando paso á velada gastronómica que animará o Trío Orquídea e Mixel. Os concertos para despedir esta xornada festiva de venres estarán a cargo de Dani Berreiro & Friends (praza Siñor Afranio), Mekánica Rolling Band e Carlos López(praza da Igrexa).