Verbena, concertos, bailes e pasarrúas para celebrar as festas de San Bieito en Allariz
VEN A GALICIA

A vila recupera a festividade do seu patrón con catro días de celebracións tralo parón pola pandemia e máis de 15 actividades
13 jul 2022 . Actualizado a las 18:21 h.Esta tarde arrancan as festividades patronais de San Bieito de Allariz cunha programación cargada de actividades. O inicio das celebracións dedícaselle aos máis cativos cunha festa de escuma e inchables as 17.00 horas no Arnado. A noite estará protagonizada pola música e dará comezo as 21.00 horas co pasarrúas da charanga Alambique de Pontevedra. As 23.30, o soul e rock dos vigueses Broken Peach farán vibrar aos asistentes no campo da Barreira.
O sábado continúa a festa con desfiles, baile e verbena. Pola mañá, a agrupación de música tradicional De Pé Feito desfilará ás once e media cos xigantes e cabezudos polas rúas. Ao rematar, haberá outro pasarrúas coa charanga Achicoria de Xinzo. Para comezar co serán festivo, ás 20.30 estará a Banda Unión Musical de Allariz nos Xardíns do Museo do Coiro. Despois, A Barreira converterase no foco musical da noite grazas a orquestra Fuego da Coruña, que comezará co primeiro pase as 21.30 horas.
O domingo chega a xornada grande da festa que dará comezo ás dez da mañá cos granadinos da Banda de Música de Cúllar, que actuarán tamén na Alameda as 13.30 e as 20.00 horas. Ao mediodía será o turno do grupo de baile tradicional O Fiadeiro de Vigo na praza do Matadoiro. Para dar comezo a noite festiva, haberá un baile ás 21.00 horas amenizado polo grupo ourensán Nazaret, na Barreira. A medianoite, os asistentes poderán gozar dunhas vistas cheas de cores grazas ao espectáculo pirotécnico, a cargo da empresa Josman, que terá lugar no Campo de Vilanova.
O luns pecharán os actos festivos co concerto da agrupación Coral Arnoia, que se celebrará ás 20.00 horas na Igrexa de San Bieito.

Haberá actos relixiosos todos os días na honra do santo
As festas patronais de Allariz non terían sentido sen os actos relixiosos na honra do seu patrón, San Bieito. Dende o pasado 2 de xullo estanse a celebrar novenas polo patrón da localidade ás 19.30 horas.
O domingo, día grande da festividade de San Bieito, está cargado de actos relixiosos. Haberá misas ás nove e ás dez da mañá. Ás onde da mañá será o turno dunha procesión do patrón da vila, que estará acompañada dos míticos xigantes e cabezudos da localidade de Allariz. Tamén participarán no acto festivo a agrupación de música tradicional Pé de Feito, a Banda de Música de Cúllar e o grupo de baile tradicional O Fiadeiro de Vigo. Ao remate da procesión, terá lugar a misa solemne, que se celebrará ás doce e media da mañá.
Tralo día grande, chega a despedida da festividade de Allariz. O luns haberá misas matinais a varias horas: ás 8.30, ás 10.00 e ás 11.00 da mañá. A última misa solemnda xornada será as 12.30 horas. Daranse por finalizados os actos relixiosos das festas de San Bieito, cunha última eucaristía o luns ás sete e media da tarde.