Patrocinado por

Tanxugueiras lidera o cartel do Rock & Dorna, que inclúe medio cento de bandas

VEN A GALICIA

Os portugueses Kumpanía Algazarra e a formación infantil Uxía Lambona e a Banda Molona tamén figuran no programa

11 jul 2022 . Actualizado a las 14:41 h.

O cartel do Rock & Dorna, o festival que lle pon música á Festa da Dorna, está este ano liderado polas Tanxugueiras, que ofrecerán un concerto este domingo, ás 24.00 horas, no Malecón de Ribeira. No programa que serve de complemento a esta singradura número 74 figuran máis de medio cento de bandas, que contribuirán a caldear o ambiente desde este sábado ata o domingo 24.

Trátase dun cartel no que teñen cabida todo tipo de estilos, ocupando a música tradicional un lugar importante. Agrupacións como Trécola, Caraveiros, Peuqenos do Barbansa ou Andavía súmanse ao Rock & Dorna para participar no Día do Orjullo Jaiteiro fixado para este domingo.

A Real e Ilustre Cofradía tamén quixo que a súa festa servira de escaparate para as bandas locais e por iso incluíu, para o martes, un ciclo de concertos que situará en escenarios instalados en distintos puntos da cidades a Leite con Jalletas, Amores de Barra, Litrisistas ou Barbansónicos.

Como concertos destacados figuran o de Erin, que o mércores poñerá o colofón da Batalla de Jallos; o de Monolious DOP, que será despois do Exame de Patróns do xoves; ou o de Uxía Lambona e a súa Banda Molona, un grupo dirixido ao público infantil que animará a tarde do sábado en Coroso.

Como non podía ser de outro xeito, a música do Rock & Dorna animará o día grande, o 24. The Rapants actuarán desde unha batea, mentres que unha decena de charangas acompañarán ao Top Secret. Kumpanía Algazarra ofrecerá o último concerto.