Cinco mozos procedentes doutros tantos países europeos estarán na localidade ata finais de agosto para colaborar en actividades de coidado e promoción da vía de peregrinaxe
12 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Cinco voluntarios procedentes doutros tantos países europeos estarán en Valga ata finais de agosto para colaborar en actividades de coidado e promoción do Camiño de Santiago, a través do programa «XacobeAndo», promovido pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia. Os mozos, de entre 18 e 30 anos, son orixinarios de Córdoba, Grecia, Lituania, Letonia e Estonia. Con estes dous últimos países, o Concello de Valga mantén un vínculo especial a través das localidades homónimas de Valga —Estonia— e Valka —Letonia—, coas que está irmandado. Así llo explicou o alcalde, José María Bello Maneiro, aos voluntarios na recepción que tivo lugar onte ao mediodía no salón de plenos, e na que estivo acompañado pola tenente alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro de Xuventude, Pedro Calvo. A continuación, os mozos tiveron ocasión de coñecer o Museo da Historia a través dunha visita guiada polo técnico municipal Santiago Chenlo.
Durante case dous meses, os cinco voluntarios realizarán actividades en tres ámbitos: Camiño inclusivo, Camiño sostible e Camiño dixital. Deste xeito, axudados por titores e profesionais, colaborarán en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural, a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño, e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.
Traballarán en colaboración con entidades e asociacións do noso concello e estarán en permanente contacto co Camiño e cos peregrinos. De feito, terán coma base un local municipal anexo ao albergue, o que lles permitirá colaborar na xerencia da pousada e realizar actividades cos camiñantes. Durante esta semana enfocarán o seu traballo ao ámbito medioambiental e da sostibilidade, con campañas de recollida de lixo e identificación de «puntos críticos» que poidan existir no trazado.