Patrocinado por

A lectura volve ao areal carballés de Razo coa Praia dos libros

M. Rei / M. L. CARBALLO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Ana García

Un punto de préstamo de volume, sección de bookcrossing e un novo caderno de pasatempos sobre a píllara das dunas: a oferta

14 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Por segundo ano consecutivo, comeza a Praia dos Libros, un servizo que busca achegar a lectura ao areal de Razo, en Carballo. A iniciativa, que arrincou o luns, busca repetir a experiencia do ano anterior, motivo polo que segue co mesmo formato, con horario de 13.30 a 17.30 horas no mes de xullo e de 13.30 a 16.30 no mes de agosto.

No día de onte o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a edila de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, achegáronse a ver a acollida do posto, onde o concelleiro de Cultura explicou o funcionamento e actividades paralelas que se realizarán na contorna dentro do Verán Cultural.

Ana García

No que respecta á Praia dos Libros, opera como calquera das outras bibliotecas municipais, podendo tramitar o carné e levar libros en préstamo. Ademais, tamén haberá unha sección de «bookcrossing», pola cal se poderá facer un intercambio libre de volumes, unha iniciativa que se prevé manter tamén durante a fin de semana.

A concelleira de Normalización Lingüística aproveitou a ocasión para presentar a terceira edición do caderno de pasatempos sobre a píllara das dunas, que busca promover a lingua galega á par que dar a coñecer a píllara e a súa situación. O exemplar é de balde, conta con actividades de todos os niveis. Desde as redes do Concello animan a mandar unha foto desde onde se estea a cubrir.

En detalle

Horarios

Xullo | De luns a venres, de 13.30 a 17.30 horas.

Agosto | De luns a venres, de 13.30 a 16.30 horas.

Actividades

20 de xullo | Canta música, espectáculo musical con Pablo Díaz e Olga Kirk, en Razo (13.00 horas).

17 de agosto | Galdaka, espectáculo de maxia con Dani García, en Razo (13.00).

17 de agosto | Proxección do filme Jumanji: seguinte nivel, en A Pedra do Sal. Será ás 22.00, coa colaboración da A.C. Castro de Lema.

Oferta

Préstamo | Necesario o carné de bibioteca para acceder ao préstamo de libros.

Bookcrossing | Intercambio de volumes, uso libre.

Píllara | Terceiro caderno de pasatempos sobre a píllara das dunas. Dispoñible, de balde, na bibliopraia de Razo e nos postos de salvamento dos areais de Pedra do Sal e Baldaio-Saíñas.