Patrocinado por

Mónica Toubes, bióloga nas Illas Atlánticas: «En Cíes hai quen pregunta como a mellor praia do mundo non ten hamacas»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Exerce de anfitrioa e protectora dun ecosistema fráxil que periga coa masificación; é bióloga e guía nas Illas Atlánticas dende que se declarou Parque Nacional no 2002

16 jul 2022 . Actualizado a las 17:34 h.

Cando o diario The Guardian publicou que a praia de Rodas era a mellor do mundo, Mónica Toubes (Vigo, 1971) tivo unha sensación agridoce: «Viña xente que quería levar area, cunchas e mesmo auga da praia», explica. «Algúns viñan só coa ambición de marcar o destino, para dicir que xa estiveran aquí». Como resposta, o grupo de guías das Illas Atlánticas ideou unha ruta específica do areal, amosando a riqueza natural e as peculiaridades dun espazo único, «para que a xente puidera valoralo porque ese titular non tiña base científica algunha, foi un reclamo».

Os impoñentes acantilados de Cíes, a fina area e a vexetación deste espazo fascinan por si mesmos a boa parte dos 300.000 visitantes anuais que suma Cíes, pero non a todos. «Hai usuarios que reclaman duchas, lavapés, chiringuito e hamacas. Preguntan que como a mellor praia do mundo non ten hamacas». Hai curiosidades como o que pregunta onde está o caixeiro da illa, onde se colle o ferri para transportar a Cíes a autocaravana ou o que quere dedicar as vacacións neste afastado territorio a cuestións celestiais. «Hai pouco, uns turistas preguntáronnos si non se oficiaban misas na illa, porque querían ir rezar. Por preguntar nos preguntan incluso a que hora vai chover». E das poucas cousas que Toubes non pode respostar.

Esta guía coñece coma poucos as Illas Atlánticas, exerce de anfitrioa e recibe aos visitantes dende a caseta de información, pero tamén acompaña nas excursións e deseña os plans turísticos para amosar a riqueza natural do arquipélago sen prexudicar o ecosistema. É un traballo que desempeñan os seis guías que, durante todo o ano, traballan na divulgación deste patrimonio de incalculable valor. «Ao ser un territorio tan pequeno, é máis fráxil, afecta moito máis». Dío con coñecemento de causa, Toubes é bióloga e ten estudado moito o territorio das catro illas onde traballa dende que foron declaradas Parque Nacional, no ano 2002, hai exactamente 20 anos. «Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, cada unha é moi distinta das outras, ten a súa riqueza».

Amor pola natureza Toubes trátalle de inculcar ós seus fillos o amor e respecto pola natureza. «Ensínolles a descubrir, para que o interioricen».
Amor pola natureza Toubes trátalle de inculcar ós seus fillos o amor e respecto pola natureza. «Ensínolles a descubrir, para que o interioricen».

Sen entrar en debates sobre si todas as illas poderían ser Patrimonio da Humanidade ou só as Cíes cumpriría as condicións, Toubes advirte: «Os títulos de protección axudan cando a xente sabe o que implican. Xa se sabe o que é ser Parque Nacional pero non sei se a xente ten claro o que significa ser patrimonio da humanidade e se é consciente de que habería que facer un esforzo maior para mantelo». A día de hoxe, para viaxar ás illas é imprescindible facelo con autorización previa para non superar a cota permitido.

Ardoras, estrelas e loureiros

«Traballar en Cíes é como ver o lume dunha lareira, nunca cansas de mirar», asegura. Entre os acantilados, viven importantes comunidades de cormorán moñudo ou gaivota patiamarela, pero é no alto onde luce outra das riquezas inmateriais desta xoia da coroa: o ceo nocturno. «Nunha observación cun astrónomo que saiba, é impresionante, quedas enganchado». Tamén no mar: «Cando empezamos a traballar no parque, os guías quedabamos para ver as ardoras». O bosque de Loureiro de Cortegada, único en Europa, é outra das paixóns desta bióloga. «Eu lle teño moita querenza a Cortegada, abrigada por ese gran bosque, parece que estás afastada do mundo. Éncheme moito ver as dúas caras das illas. Por un lado, o perigo do mar, co océano aberto, e por outro, xiras a cabeza e tes a tranquilidade das praias». Comunicar esa riqueza é o traballo desta experta que busca mudar os prexuízos e as ideas preconcibidas dos visitantes. «Queremos sacar ese punto de focalización do faro e da praia e dar a coñecer outros tesouros das illas. Que non sexa só turismo de praia». Un territorio que non se libra do cambio climático. Por primeira vez, escasea a auga corrente en Cíes, como no territorio continental. «É a primeira vez que non temos auga na caseta, isto demostra que ter máis presenza humana pode poñer en risco o ecosistema, a auga que hai fai falla para a conservación da flora e a fauna».

Unha falta de recursos que fai aínda máis exótico que Toubes sexa unha das poucas persoas que residiron nas Illas Atlánticas. A día de hoxe só quedan dous veciños en Ons todo o ano, que comparten tempo e compañía cos traballadores do Parque Nacional. «Nun territorio illado, eles dependen de ti e ti deles. Acabamos sabendo a vida de cada quen». Toubes regresa a casa a diario dende que ten dous fillos, pero recorda con nostalxia os cinco primeiros anos nos que pasaba en Cíes sete días á semana, dúas semanas ao mes. «Os anos que pasei vivindo alí pensaba que volver ó continente era un barullo. Vivir nas illas engancha, é satisfactorio para o corpo e a cabeza, faite sentir doutro xeito». A bióloga atesoura recordos de veráns concorridos e invernos tranquilos, gozando da natureza en estado puro. Algo que trata de transmitir aos miles de visitantes aos que guía: «Non precisamos moitas cousas para gozar da vida». Tampouco hamacas nin lavapés.

A súa canción

«Je veux», de Zaz. «O que di esta canción se parece á vida nas illas Cíes. Alí desfrutas de cousas tan intensas, tan de corazón... Que che sobra o resto. Esta canción me anima e reflicte o que sinto cando vou para as illas. É un lugar onde atopas boa xente, bos sitios, boas cousas... É algo moi especial».