O Canteira Fest de Vilaboa habilitará un espazo sobre memoria histórica
VEN A GALICIA
A iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra desenvolverase baixo o lema de «A memoria ten canteira»
20 jul 2022 . Actualizado a las 11:45 h.Tanxugueiras, Hihg Paw, Huntza, Punkiereteiras, Jinetes del Trópico, Flow do toxo, Grande Amore, Bravatukas, Sleeply Spiece... son algúns dos grupos e artistas que o 16 e 17 de setembro actuarán no Canteira Fest de Vilaboa. Ademais, o festival habilitará un Espazo Memoria «para realizar actividades divulgativas relacionadas coa memoria a través de concertos, contadas de contos, performances e publicacións», destacaron dende a Deputación de Pontevedra.
O lema da iniciativa, A memoria ten canteira, segundo expuxo a deputada María Ortega, alude ao propio nome do festival, pero tamén á «confianza na xente moza, a nosa canteira, para seguir mantendo viva a memoria das persoas que sufriron tanto durante a represión franquista». «O programa de memoria ten que ter unha presenza especial dentro do noso festival e será transversal e se verá reflectido en todo o que se faga», engadiu, pola súa banda, Carlos Acuña, da organización.
En relación con isto, o venres está previsto o estreo dunha nova contada de Polo Correo do Vento, desta volta centrada nas Misións Pedagóxicas que durante a República levaron libros, teatro e cultura polas distintas aldeas de Galicia. A continuación, unha nova edición do taller de Xurxo Souto sobre a música represaliada. O sábado, entre outras actividades, unha sesión vermú, a cargo de Nasla, un obradoiro de regueifa con O Rabelo e unha nova contada de Polo Correo do Vento, ao tempo que Cestola na Cachola elaborará un mural sobre esta temática nunha das paredes do edificio da canteira.