Patrocinado por

O festival Asnot encherá Padrón de sombreiros, música, arte e creatividade durante tres días

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN / LA VOZ

VEN A GALICIA

As actividades desenvolveránse entre o 29 e  o 31 deste mes

23 jul 2022 . Actualizado a las 01:56 h.

O centro social de Padrón acolleu onte a presentación de Asnot 2022, o festival que promoveron «catro románticos» á par que se celebraba a carreira de burros das festas do Santiaguiño do Monte, pero que vai camiño de consolidarse e ter un oco destacado no calendario galego pola súa creatividade e orixinalidade.

Ao acto de presentación asistiron os dous principais promotores do evento e que representan a Asociación Cultural Asnot, Antonio Rey e Xiana Isabel Ferrón, ademais da Comisaria do Xacobeo 2021-22, Cecilia Pereira; a concelleira de Festexos de Padrón; Carmina Bustelo; a fundadora de Vermú St. Petroni, Cristina Codesido; a manager de Cultura, Proximidade e Gastronomía en Estrella Galicia, Goretti Castro; o director e guionista da curtametraxe oficial de Asnot 2022, Darío Autrán; o actor principal da curtametraxe, Josito Porto e, por último, Félix de Martin, representante dos sombreireiros da exposición titulada De Chapeus.

O acto foi presentado pola padronesa Belén Xestal, quen falou dos comezos do Asnot e dixo que medrou ata ser unha festa que é unha marca diferenciadora de Padrón e de Galicia. Pola súa banda, Xiana Isabel Ferrón, máis coñecida como Yeya, falou das novidades desta edición, que se desenvolve por primeira vez en tres días, 29, 30 e 31 de xullo.

Así, falou de que o casco histórico de Padrón será o escenario principal do festival, que lle dará as rúas un toque londiniense e mesmo non faltará a recreación dunha estación de metro. Entre as novidades, o Chapeu Market na praza de Baltar, que pretende ser o punto de encontro profesional do chapeu de Galicia. Así, catro dos máis recoñecidos sombreireiros de Galicia mostrarán o seu saber e experiencia. Son A Eito, Blade Hats, Félix de Martin e Julia Vilariño. Tamén haberá un concurso de bandas de música emerxentes, de modo que as catro finalistas tocarán ao estilo de música na rúa. Novidade é tamén a intervención artística en burros de madeira, que se fará no Xardín Botánico ou a presentación de Camila de Asnot, a personaxe que transmite os valores do festival, que pasan por un compromiso social coa comunidade, co poder transformador da cultura, das ideas e coa sustentabilidade. Desde a organización do Asnot animan a participar no festival e sempre co elemento que o identifica: o sombreiro.