Esta edición da divertida competición contou coa participación de 31 peñas
20 jul 2022 . Actualizado a las 23:05 h.Un cento de persoas percorreron a toda velocidade as rúas de Ribeira no regreso do Maratasón á Festa da Dorna na súa 74 singradura. Esta edición contou coa participación de 31 peñas, que dende as 17.15 horas iniciaron unha das competicións máis especiais e desexadas que se lembran. Clásicos coma Os polbos do Vilar, As Pirañas van de Cañas ou As Luras estiveron presentes nunha tarde de mércores na que os dorneiros encheron de colorido os locais ribeirenses.
Esta peculiar competición ten como obxectivo superar no menor tempo posible as probas que hai repartidas por algúns bares da localidade. Os dorneiros visitaron cada un dos lugares marcados no traxecto coa intención de participar nas extravagantes actividades que lles tiñan preparadas. Algunhas das máis peculiares foron comer un plátano coa súa pel, encontrar adhesivos escondidos ou unha carreira lenta de bicicletas na que, a maior tempo empregado para chegar á meta, maior sería tamén a puntuación nesa proba.
Os dorneiros celebraron a súa particular carreira de fondo entre risas, bo ambiente e altas temperaturas, que foron paliadas por algúns utilizando caldeiros e pistolas de auga para empapar a compañeiros e rivais desta orixinal competición.
A organización desta entrega correu a cargo de Tocando Fondo. Seu patrón, Daniel Ferrón, destacou unha asistencia masiva nesta edición ademais dunha ampla colaboración por parte de todos os participantes que non dubidaron en botar unha man no que fora necesario: «Este ano tocounos dirixir un pouco a actividade, pero en cada un dos bares atópase unha peña xestionando os xogos e as probas. Sen elas isto non sería posible. Nótase que a xente ten ganas de celebrar cousas, hai máis dorneiros que outros anos, pero xa non falo de hoxe, senón durante todas as festas».
A implicación
Esta edición do 2022 da Festa da Dorna finalizará o domingo 24 de xullo. Ese día porase o peche a unha das semanas festivas máis multitudinarias que se recordan dos últimos tempos.
Juan José Segade, Jota, vicepresidente da Real e Ilustre Cofradía da Dorna e membro da peña Mala Nécora, agradeceu tanto a contribución da xente como o gran éxito que están a ter todas as actividades: «Eran unhas festas moi esperadas por todos. Estamos encantados con como se están dando e coa e cooperación da xente. A implicación do pobo con esta Dorna foi moi boa dende o primeiro momento».
O Jran Premio Ícaro de Voo sen Motor levará a centos de dorneiros ata a dársena ribeirense
A dársena de Ribeira será este xoves un dos escenarios icónicos da Festa da Dorna. Farao da man dun dos seus pratos estrela, O Jran Premio Ícaro de Voo sen Motor, que está previsto para ás 20.30 horas. As ideas máis tolas volverán a converterse en realidade para comprobar cal é a peña que chega máis lonxe, antes de levar o pertinente planchón.
Pero antes, sobre as 16.30 horas, serán os Xojos Populares de Mar, onde se inclúe a pesca de muxos radiactivos, lanzamentos de peso ou saltos dende o paredón. Xa no malecón, ás 21.54 arrancará o Exame de Patróns, onde as novas peñas deberán subornar ao xurado para ser oficialmente membros da Real e Ilustre Cofradía da Dorna. Pasada a medianoite, Monolius Dop será o encargado de amenizar a fin da xornada coa súa música.