Centos de persoas reuníronse na dársena de Ribeira para ver os saltos
22 jul 2022 . Actualizado a las 11:00 h.Tras dous anos sen despregar as súas ás, o Ícaro dorneiro volveu a tomar voo sen motor na festa da Dorna na súa 74 singradura. Un dique ata a bandeira foi testemuña dun espectáculo aéreo á altura das expectativas e das ansias dos ribeirenses. Artefactos voadores de todos os tipos, cores, formas e calidades participaron nunha competición na que tanto os dorneiros como seus vehículos acabaron dándose un inevitable mergullo na ría para paliar a calor e xerar as gargalladas dos asistentes.
Centenares de persoas déronse cita durante a tarde de onte na dársena de Ribeira para ser espectadores e, os máis festeiros e atrevidos, protagonistas nas diversas competicións. A xornada comezou cos populares xogos de mar nos que os dorneiros loitaron porque a súa peña fose a vencedora nas diferentes probas acuáticas, como o lanzamento de risón, o achikeitor ou o pasar pola quilla. Algúns dos máis multitudinarios foron os clásicos saltos dende o paredón, nos que os The Lirios Tremens fixéronse co título tras un arriscado e impresionante lanzamento á auga; ou o pau ensebado, no que os Xamóns máis Lambóns foron os que mellor mantiveron o equilibrio e obtiveron o trunfo nunha competición moi parella, marcada polas cómicas caídas ao mar. Tras isto, o prato forte do día e un dos máis esperados de todas as celebracións esperaba a súa quenda.
Chegadas as 20.30 horas un dique repleto de xente aclamaron o inicio dun dos principais atractivos da Festa da Dorna, o Jran Premio Ícaro de Voo sen Motor, na súa trixésima edición. Nesta esperada actividade participaron máis de corenta peñas, cada unha presentando un rechamante, enxeñoso e aerodinámico artefacto co que despegar, ou polo menos intentalo, da pista da dársena de Ribeira en dirección a un mar ateigado de dornas. Neste estraño conxunto de homes, mulleres, nenos e aeronaves puidéronse apreciar creacións tan diversas coma as clásicas ala deltas, un galo fumarento, un dispensador de gasolina ou diversos peitos homenaxeando a case eurovisiva canción de Rigoberta Bandini,
Un dos sucesos máis inesperados da actividade tivo lugar no último artefacto que se proxectou deica a ría. O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, quixo probar nas súas carnes o que significa ser un dorneiro. O dirixente pobrense non dubidou en lanzarse do trampolín acompañado dun aparello en forma de ave branca.
Vindeiros días
Despois dun frenesí de seis xornadas da Festa da Dorna, marcados sobre todo por competicións e xogos refrescantes, as actividades festivas non cesan no caderno de bitácora dorneiro. Este venres, dende as 17.06 terá lugar a feira das culturas na praza do Concello, na que os asistentes poderán probar a gastronomía local. Posteriormente, dende as 21.30, está planificado o trixésimo primeiro Sertame Itinerante da Cansión da Tasca na que as propias peñas porán o ritmo e os cánticos durante o serán.
O programa diúrno do sábado está marcado pola sexta xuntanza de embarcacións tradicionais e polos xogos populares de terra como o brilé, tirar da corda, o pano ou o limbo. Os festexos rematarán o domingo, nun día no que se entregarán os ansiados trofeos das diversas competicións dorneiras a partires das 23.30 horas.
Polo de agora, as actividades e xogos da Festa Dorna 2022 desenroláronse sen ningún incidente destacable nesta celebración que pasará á historia de Ribeira como unha das máis desexadas de todas as 74 singraduras.