Patrocinado por

Volve a Festa da Paella con aforo para 2.000 comensais

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VEN A GALICIA

miguel souto

A cita, que se celebrará o 30 en Cortegada, cumpre vinte anos

20 jul 2022 . Actualizado a las 20:17 h.

A pandemia conlevou un parón de tres anos na celebración da Festa da Paella de Cortegada (Silleda), coa última edición no 2019. Foi «un descanso que ninguén esperaba pero que no fondo non nos veu mal xa que estabamos bastante cansos», comenta Román Peña dende a comisión organizadora do evento que terá lugar a próxima semana.

Despois da paréntese tocaba decidir se retomar a festa, e houbo unanimidade, malia a que os responsables teñen máis responsabilidades familiares que tres anos atrás. «Todos temos familia, traballos e obrigas pero tampouco podiamos deixar de facer a festa», constata Román. Razón suficiente para recuperar as vellas libretas de anotacións de citas lúdicas anteriores e comezar a deseñar o programa deste ano 2022 en se cumpren vinte anos daquela primeira edición. Do esencial da festa non se modificará nada, pero algunha variable haberá de cara o próximo día 30 de xullo.

«A calidade dos produtos será a mesma de todos os anos pero imos subir o prezo nun euro, pasando de 12 a 13 euros, xa que todo se encareceu. A xente poderá repetir paella, viño ou auga pero os refrescos imos cobralos; a un prezo módico, xa que había moito desperdicio. Outro dos cambios é que se celebrará en sábado e non en venres como se fixo sempre; é para maior comodidade dos organizadores e non ter que pedir o día no traballo que non están as cousas para iso», explica Peña.

Utensilios compostables

Como xa viña sendo habitual a organización segue apostando por utensilios compostables e biodegradables que porá a disposición dos 2.000 comensais que poderán tomar parte na cea. «É o aforo máximo que contemplamos. Queremos que a xente estea ben atendida, e xa na última edición do 2019 foi o volume que manexamos», argumenta.

A Festa da Paella de Cortegada, que conta na súa vixésima edición cos mesmos ramistas na súa organización ao igual que a presenza do cociñeiro Santi Becerra encargado da elaboración, estará amenizada o sábado pola orquestra Tango e o grupo Fusión, mentres que o domingo o Arco de Merza encargarase da sesión vermú e pola tarde haberá festa para toda a cativada. Unhas festas que custan máis de 30.000 euros e nas que, «a colaboración tanto dos veciños da parroquia coma dos comercios de Silleda foi inmellorable, sería ao mellor para darnos ánimos e que a fixeramos», comenta sorrindo Román Peña.