Os navegantes peregrinos da regata Iacobus Maris reciben as compostelas en Vigo
VEN A GALICIA
Os barcos que aínda estarán hoxe coas súas portas abertas son os españois VO70 E1, Atyla, Pascual Flores, Peregrina e Evangelina; o portugués Vera Cruz, e o francés Etoile
25 jul 2022 . Actualizado a las 09:22 h.A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, pechou este domingo no peirao de Transatlánticos os actos da Ruta Iacobus Maris, a frota de veleiros que converteu á cidade durante catro días no porto base da ruta xacobea máis longa da historia. Acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Fundación Traslatio, Mario Cardama, a representante autonómica fixo entrega das Compostelas a parte dos 150 tripulantes que completaron a súa peregrinación marítima.
Peregrinación a Compostela
Os participantes na Ruta Iacobus Maris completaron o sábado na capital galega a súa peregrinación para conmemorar a viaxe do corpo de Apóstolo ata Santiago de Compostela. Tras chegar a Vigo, os tripulantes realizaron o resto do seu percorrido cunha travesía en catamarán desde Vilanova de Arousa ata Pontecesures, e posteriormente fixeron o tramo a pé desde Milladoiro ata a Catedral de Santiago.
A ruta xacobea marítima estivo dividida en catro etapas e visitou cinco portos ao longo dunha peregrinación de 1.600 millas náuticas que partiu da localidade italiana de Xénova o pasado 26 de xuño e que chegou o venres a Vigo tras tocar os portos de Valencia (1 ao 3 de xullo), Sevilla (8 ao 10) e Oporto (16 ao 19).
Catro días de actividades
O village instalado no peirao de Transatlánticos ofreceu catro días de actividades para nenos e maiores, con xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos na noite do venres e o sábado e visitas guiadas e de balde aos barcos.
«É indubidable o éxito do regreso dos grandes veleiros a Vigo, eventos como esta ruta marítima contribúen de forma decisiva a colocar a Galicia no mapa, e a Vigo no lugar que se merece neste dobre Ano Santo, reivindicando o seu papel central no Camiño de Santiago e no Camiño Portugués da Costa», apuntou Marta Fernández-Tapias.
Embarcacións participantes
Os barcos que aínda estarán este domingo coas súas portas abertas son os españois VO70 E1, Atyla, Pascual Flores, Peregrina e Evangelina; o portugués Vera Cruz, e o francés Etoile. Se poden visitar de 11.00 a 13.00 e de 16.30 a 20.00 horas
«Esta iniciativa converteu á cidade durante catro días no epicentro da cultura, tradición e patrimonio marítimo, porque a Iacobus Maris é unha ruta que achega valor engadido a Vigo e Galicia, polo que o Goberno galego vai a estar sempre dando apoio á cidade e a calquera iniciativa deste tipo», sinalou Fernández-Tapias.
A Ruta Xacobea Iacobus Maris é a peregrinación marítima máis longa da historia do Xacobeo.