Patrocinado por

Santiago ilumina o Día de Galicia con clásica e intensa pirotecnia

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

O espectáculo ofreceu 15 minutos de estrondosos fogos ininterrompidos

29 jul 2022 . Actualizado a las 00:44 h.

Os Fogos do Apóstolo supoñen a primeira imaxe que Galicia exporta pola celebración do seu día oficial, máis alá de que tamén sexa un espectáculo que forma parte da alma contemporánea de Compostela. E este domingo, despois de renunciar ás proxeccións sobre a catedral e os edificios do Obradoiro, os quince minutos de pirotecnia encheron o ceo de Santiago dunha intensidade que non se lembraba e cun punto final moi distinto, xa que, se o ano pasado o colofón combinou unha apoteose de luz e cor e outra de estrondo, desta volta houbo tres remates especiais de luz e dous de barullo de altísima intensidade.

A empresa pirotécnica, Ricardo Caballer, é a mesma do 2021, pero o deseño do espectáculo deste ano santo extra ofreceu un resultado moi distinto e tamén vangardista, xa que a firma valenciana, de longuísima tradición en Santiago, agasallou á cidade cunha estrea mundial. Neste caso apostaron por encher o ceo combinando os cinco puntos de luz de flores, pétalos e tamén aros prateados. Este deseño de Caballer foi unha estrea mundial que a firma quere engadir a vindeiros espectáculos, sen esquecer os fogos que simulan palmeiras, e que son marca que define a esta histórica casa.

A figura que máis chamou a atención, xunto ao remate final, que a empresa decidiu reforzar despois de ter constancia de que fora un dos elementos dos que máis gozou Compostela o ano pasado, consistiu nunha inmensa coroa de luz que se converteu nun xirasol grazas ás combinacións desde todos os puntos de lanzamento. Tamén espertou ovacións o feito de que o deseño de continuidade do espectáculo non deixase ocos entre os minutos un e quince.

Moito traballo previo

Para conseguir algo tan complexo foi necesario moitísimo traballo previo, xa coa idea perfilada antes de que comezase a fase administrativa de licitación do espectáculo pirotécnico. Unha vez asinado o contrato, houbo que facer que o deseño aprobado fose factible. Houbo moitas probas e simulacións ata dar coa combinación para que todo saíse como estaba previsto. E nos últimos catro días traballaron sen descanso para ter listo os cinco escenarios, coa cantidade de materia adecuada para cada espazo, xa que son moi distintos entre si.

O espectáculo pirotécnico deste domingo non vai ser o último, xa que as Festas do Apóstolo rematarán o día 31 co que en Santiago se coñecen como os fogos pequenos. Serán máis cativos porque só van ter na Cidade da Cultura un único punto de lanzamento, pero Caballer anuncia que van ser unha maneira moi especial e completamente exclusiva de despedir o Apóstolo, que en vindeiros anos volverá seguramente, neste caso con elementos audiovisuais, ao Obradoiro.