Patrocinado por

A ilusión do primero Camiño: «Aprendín a superar os meus límites e coñecinme»

REBECA CORDOBÉS / JOSÉ PARDO TEXTO / FOTO

VEN A GALICIA

Esther e Pablo, xunto a un sinal do Camiño en Ferrol, onde residen.
Esther e Pablo, xunto a un sinal do Camiño en Ferrol, onde residen. JOSE PARDO

Esther e Pablo peregrinaron por facer unha viaxe cos seus amigos, pero acabaron descubríndose a eles mesmos

25 jul 2022 . Actualizado a las 15:10 h.

Cando María Esther Zamora e Pablo López comezaron a súa aventura, ela pensaba que non chegaría a Santiago. «Estaba con febre e dores e manqueime un xeonllo na primeira etapa. Pensei que tería que abandonar, pero me demostrei que tiña máis forzas das que cría. O Camiño ensinoume que, se queres, podes. Aprendín a superar os meus límites e coñecinme a min mesma», relata esta naronesa de 31 anos.

Conta que o que a axudou a chegar ao final de cada etapa, ademais dos amigos, foi a alegría que lle transmitían o resto de peregrinos: «Aínda que sexa o esforzo dun descoñecido, inspírate. É moi bonito. Ía coxa e tiven que camiñar a un ritmo lento por tramos, pero non me sentín soa en ningún momento. Tes un obxectivo e cando o acadas, sentes unha liberación tremenda. É como que tes que superar o Camiño, sexa o que sexa o que teñas na cabeza ou o que te pase nel. Igual non te dás conta ao empezar, pero son cousas que están aí». No seu caso, axudouna a enfocar a súa carreira profesional tras graduarse como a primeira muller saxofonista especializada en jazz en Galicia. Da experiencia, queda co «apoio mutuo, o amor, a amizade, a unión entre a xente, esa sensación de que non hai distancias...».

Algo similar pasoulle a Pablo, de 32 anos e natural de Linares. Saíron do Cebreiro cunha amiga e atopáronse en Sarria con outros dous. «Era unha viaxe para compartir cos amigos, pero foi mellor do que pensaba porque tamén tiven momentos de camiñar comigo mesmo, pensando. Axudoume a coñecerme», conta.

A experiencia cos amigos tamén foi boa: «Despois de pasar tanto tempo xuntos, coñecémonos mellor e unímonos moito». É pouco expresivo, pero recoñece que se emocionou coa chegada ao Obradoiro: «É unha mestura de tristura, porque se acaba, e de alegría, porque o conseguimos».