







































Un gran décimo de lotería co número que xogará a cofradía encabezou o Top Secret
24 jul 2022 . Actualizado a las 22:16 h.Ninguén diría que foron nove días de non parar en Ribeira, porque a Festa da Dorna, tan ansiada tras dous anos de pandemia, pechouse por todo o alto e coas peñas marchando con moito ritmo polas rúas do casco urbano. Encabezando o Top Secret ía o segredo mellor gardado da festa, o décimo de lotería de Nadal da Real e Ilustre Cofradía da Dorna, que pronto se poderá mercar despois de que, tras certos contratempos, xa se fixese público o número do boleto.
Despois dunha xornada moi festiva na praia de Coroso, a medida que avanzou a tarde as peñas foron regresando ao centro de Ribeira para ir quentando motores para desfilar. A marea dorneira volveu inundar as rúas e a tinguilas das múltiples cores das súas camisetas. Bandourrío foi o punto de encontro. Alí, os incontables dorneiros deron comezo a un desfile amenizado por charangas e grupos de percusión.
Bailando, cantando e, en definitiva, facéndose notar alá por onde ían, os veciños e turistas os recibiron cos brazos abertos, abarrotando as rúas para gozar dunha marcha que, ante todo, era una festa á que todo o mundo estaba convidado. O paso da marea polo Malecón, Padín e a avenida Miguel Rodríguez Bautista ata chegar á praza do Concello foi todo un espectáculo.
Unión
Porque despois de nove días competindo por gañar xogos, voar sen motor ou buscar o triunfo nunha das regatas máis famosas da comarca, tabeiróns, muxos, ratos, pintos, ameixas, parrochas, polbos... e todas as especies que cada mes de xullo saen do mar para celebrar a Festa da Dorna uníronse para poñer o broche de ouro a unha singradura para o recordo.