Patrocinado por

Nava Castro, directora de Turismo: «Imos bater todos os récords de compostelas a finais de ano»

CRISTÓBAL RAMÍREZFOTO TEXTO

VEN A GALICIA

Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.
Nava Castro, directora de Turismo de Galicia. Brais Lorenzo | EFE

Os Camiños Francés e Portugués lideran o ránking dos peregrinos, apunta

25 jul 2022 . Actualizado a las 15:52 h.

Nava Castro é a directora xeral de Turismo dende a segunda lexislatura do expresidente Feijoo. Aguantou a resaca da crise económica e a pandemia, e logrou levar as cifras de peregrinos e turistas a niveis de récord.

—Galicia está de moda?

—Si, Galicia está de moda. Por suposto que ten unhas calidades innatas e unhas condicións ideais para este tipo de turismo, pero pensamos, humildemente, que o resultado é tamén produto do traballo conxunto que fixemos desde a Administración da man do sector e coa complicidade da sociedade galega.

—Está orgullosa dos números? Poden ser mellores?

—Cunha perspectiva temporal obsérvase que Galicia supera, por primeira vez na serie histórica (e isto é moi importante), a barreira de 2,9 millóns de noites no mes de maio.

—E cal é a explicación?

—Fundamentalmente, a excelente recuperación da demanda que mesmo permite superar as cifras do 2019 nalgunhas modalidades.

—Como vai a nosa proxección internacional?

—Alemaña, Estados Unidos, Portugal e Italia seguen aí arriba en números de compostelas expedidas, a pesar da pandemia. Esa é a gran forza do Camiño. E mire o número de estranxeiros que viñeron.

—Cantos?

—Máis de 200.000 peregrinos acadaron a compostela, dos cales ao redor do 55% son peregrinos internacionais. E hai moita xente que non colle ese certificado de viaxe, polo que sexa: xa o ten, non lle interesa... E outro detalle que non pode pasar inadvertido: xa levamos máis compostelas que nos primeiros seis meses do 2019, e imos bater todos os récords a finais de ano.

—O Camiño Inglés consolídase como o terceiro.

—O Francés e o Portugués (sumando aquí o tradicional e o da Costa) están a gran distancia. O Inglés segue sumando, se no 2019 acollía ao 4,54% dos peregrinos, no que levamos deste ano vai polo 4,85%.

—Volvendo ao turismo, cal é o seu obxectivo agora?

—O Goberno galego segue coa premisa de consolidar unha oferta turística de calidade que sexa a marca de referencia e diferenciación de Galicia como destino turístico seguro.

—Pero continúan identificándonos coa costa.

—É importante destacar que os plans territoriais de Galicia centráronse no 2021 no litoral, de aí que houbese unha importante proliferación de proxectos turísticos ligados ao mar, ao turismo náutico e de litoral, e que grazas a esa valoración das nosas costas sexamos agora e no futuro un lugar de referencia.

—E cando veremos os resultados de todo iso?

—É que xa os estamos vendo! Podemos enorgullecérmonos de ser unha comunidade con once portos deportivos que este ano acadaron o distintivo de bandeira azul, e 15 Q con Q de calidade.

—Unha conclusión?

—Traballamos arreo con previsión e estamos recollendo os froitos do traballo ben feito.