Os xigantes e cabezudos animaron un casco vello a rebosar e cunha grande cola para acceder á Catedral
25 jul 2022 . Actualizado a las 13:07 h.Non hai xornada en Santiago na que os composteláns e os turistas se mesturen como a do 24 de xullo. Coa do 25 máis vencellada á celebración institucional e á reivindicación política, a verdadeira festa, a que saca á rúa as familias coa cativada, é á previa ao Apóstolo. A mesma que varios milleiros de peregrinos escollen para culminar as súas travesías xacobeas, para acabar mesturándose cos santiagueses e o resto dos visitantes que a cidade atrae arredor dos días grandes da súa festa, nesta ocasión co atractivo engadido dun ano santo extra.
Compostela foi na mañá de onte un auténtico Babel e un exemplo de convivencia, porque a festa une. E festa houbo. Púxoa o propio ambiente que aportou o torbellino de xente que se moveu en torno á Catedral, pero, sobre todo, a exhibición dos xigantes e cabezudos. Son as grandes estrelas da xornada para os máis pequenos e unha das tradicións que pais e avós máis se esmeran en manter viva nos máis cativos.
Forman parte das festas dende hai séculos e non abonda con velos desfilar (aos xigantes) e desfrutar, ou incluso participar, nas danzas dos cabezudos: a súa presenza sempre anima a recorrer o casco vello detrás delas, para gozar con cada parada, ata o Toural, despois de arrancar os primeiros aplausos do público na Quintana, onde onte compartiron a praza cos moitos composteláns que agardaban a súa chegada e cos centos de turistas que facían cola para entrar na Catedral por Praterías para a misa de 12.
A cola era tal que ocupaba, dando voltas, practicamente media praza, en contraste coa Porta Santa, accesible sen agardar máis de medio minuto. A explicación: que pola porta do perdón agora só se accede ao sepulcro do Apóstolo, unha opción que animou a moitos visitantes, aínda que a imposibilidade de darlle o abrazo ao Apóstolo (pola covid) frustrou a moitos outros.
Pero mentres a basílica se enchía, a festa matinal seguía fóra. Os visitantes uníronse aos composteláns para desfrutar cos cabezudos, aínda que houbo quen se trouxo a súa propia festa. Praterías acabou convertida por un momento nunha praza de touros cando dúas persoas imitaron unha corrida taurina utilizando unha camiseta por capote. O público enseguida fixo corro e ata unha charanga —andaba por alí a dun amplo grupo de peregrinos de A Bañeza que acababa de concluír unha peregrinación de 13 días— atreveuse a pórlles música. Os leoneses haberían de animar logo con moito ritmo ao seu paseo pola zona vella.
En Santa Susana, as atraccións máis infantís —e a noria— non pararon de dar voltas e, moi preto, a polbeira comezaba a servir, pasado o mediodía, os primeiros pratos de polbo. Prevía despachar uns 400 quilos de polbo e outro tanto de churrasco ao longo do día, aínda que o forte o agardaba para a noite. Non en van, a de onte foi a noite máis potente do Apóstolo, animada na Quintana por Heredeiros da Crus e iluminada en torno á medianoite polos 2.500 quilos de pólvora que dispuxo a pirotecnia Caballer en cinco puntos da cidade.
O peregrino 200.000 adiántase nove días ao do 2021
O día acompañou e o Obradoiro foi unha trasfega permanente de peregrinos, ao igual que Carretas, onde se localiza a Oficina do Peregrino, que acadou onte unha das súas xornadas máis activas. Ata 3.288 compostelas chegou a entregar, un 23 % máis que o día anterior. Entre elas estaba a do peregrino 200.000 deste ano, que chegou pouco antes das dúas da tarde. Este ano santo extra apunta a novo récord.
Agora mesmo o récord teno o 2019, con 347.578 peregrinos con compostela. Entón o número 200.000 chegaba o 2 de agosto. O do 2022 fíxoo nove días antes. O 2010, tamén Xacobeo, foi durante anos o máis exitoso nese senso, con 272.135 peregrinos, aínda que esa cifra quedou superada xa dende o 2016. E dende entón non deixou de subir, salvo os anos da pandemia, en que caeu.
O Camiño atrae. «Todo el mundo tiene que hacerlo una vez en la vida», dicía onte, coa súa compostela recén conseguida, Silvia Quintero, unha castellonense que o fixo por primeira vez e que pensa repetir, como os onubenses Víctor Fuentesal e Flor Rico, «maravillados» coa experiencia.