Televisión de Galicia emite unha programación especial polo 25 de xullo
VEN A GALICIA
Os reis presiderán a Ofrenda ao Apóstolo Santiago ás 12.00 horas
25 jul 2022 . Actualizado a las 14:01 h.Como cada ano, a Televisión de Galicia vólcase coa programación especial co gallo do 25 de xullo. Neste 2022 é especialmente emotivo xa que é o primeiro que se celebra sen restricións desde o 2020, cando a pandemia do covid-19 nos cambiou a vida. Así que este luns Galicia volve a vivir intensamente o seu día grande e a canle pública estará alí para contalo.
O 25 de xullo, Día de Galicia, comezará coa retransmisión da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, coa Parada Militar arredor das 12.00 horas seguida da misa solemne na catedral. Estes actos contarán coa asistencia dos reis Filipe VI e Letizia, e serán narrados polo xornalista Eduardo Herrero, cos comentarios de Fernando Madriñán.
Os espazos informativos centraranse nestas celebracións, cos resumos dos actos institucionais. Ademais, o xornalista Marcos Sueiro copresentará o Telexornal Serán do día 25 desde a cidade de Santiago e os programas da Radio Galega Galicia por Diante e A Tarde realizaranse en directo desde O Obradoiro.
Pola noite chegará a tradicional Gala do 25 de xullo, en que este ano Xosé Ramón Gayoso estará acompañado pola xornalista Esther Estévez, presentadora do espazo #DígochoEu. O programa terá como lema Non hai fronteiras, unha mensaxe de tolerancia e de paz entendida como respecto á diversidade, e contará coas actuacións de Tanxugueiras, Marta Sánchez, Heredeiros da Crus, Sabela Ramil, Budiño, Ortiga, Pili Pampín e Sondeseu, entre outros.
O magazine Quen Anda Aí? Verán non descansará o 25 de xullo e estará moi pendente de todo o que aconteza nas rúas de Santiago. A continuación, arredor das 19.15 horas, estrearase A Galicia do prerrománico, documental de produción propia que percorre a historia de Galicia durante os cinco séculos que seguiron á caída do Imperio Romano, e que teñen como feito crucial que nese período (séculos V-X) foi cando se descubriu a tumba do Apóstolo en Santiago, desembocando no comezo da construción da catedral de Santiago.
Máis alá do día do Apóstolo
A programación especial estenderase tamén máis alá do 25 de xullo e incluirá, o día 29, a Treixarromaría, un especial presentado por Arturo Fernández e o músico Roi Casal, que homenaxeará o grupo Treixadura no 30.º aniversario da súa primeira actuación.
Finalmente, o 1 de agosto ofrecerase a estrea en televisión de Ons, a película de Alfonso Zarauza. Un drama con toques de misterio rodado neste enclave singular do Parque Natural das Illas Atlánticas, e gañador do Premio Mestre Mateo 2021 á mellor película.